Unha vez aprobadas, serán depositadas no rexistro mercantil e publicadas na web da entidade, xunto coa auditoría e o informe de goberno corporativo
O presuposto para este ano ascende a un millón de euros
A Cámara de Comercio de Santiago presentou no último pleno ordinario, celebrado o pasado 30 de maio, as Contas Anuais de 2015. O resultado positivo do pasado exercicio cifrouse en 6.798,64 euros, mentres que para este ano en curso se manexa un presuposto que ascende a 1.018.000 euros, ingresos que proceden dos servizos prestados, as aportacións voluntarias das empresas e os convenios coas Administracións Públicas.
O presidente da entidade, Jesús Asorey, indica que a Cámara de Santiago é unha entidade saneada, solvente e comprometida cos intereses xerais das empresas. “Estamos incorporando firmas que se adhiren voluntariamente á Cámara, nutrindo unha mínima parte dos nosos ingresos, polo que cómpre crecer. Precisamos de maior implicación que nos permita ser competitivos na defensa activa que facemos do progreso económico-empresarial da nosa demarcación: áreas de Melide, Barbanza e Santiago”.
Ademais a Cámara compostelá elabora un informe de boa gobernanza corporativa en aras da transparencia e de poñer en coñecemento da sociedade o seu funcionamento e estrutura organizativa. Trátase dun exhaustivo documento que detalla a natureza xurídica e fins da entidade, ámbito territorial e número de empresas adscritas segundo o censo electoral –43.838–, órganos de goberno, encomendas de xestión e procedementos de contratación, organismos onde está presente e participación en sociedades civís ou mercantís, así como varios marcos legais.
No apartado de control e transparencia, o informe di que a Cámara está sometida á tutela da Xunta de Galicia, á que se someten os presupostos ordinarios e extraordinarios de gastos e ingresos, ademais de fiscalizar as contas anuais e liquidacións. Engade que as contas anuais, unha vez aprobadas, xunto co informe da auditoría e o de goberno corporativo, serán depositadas no Rexistro Mercantil de Santiago e publicadas na web http://www.camaracompostela.com/.