O Museo Casa da Troia reabre este sábado e poderá visitarse todos os venres e sábados ata mediados de xullo

dormitorio1O resto do verán abrirá no seu horario habitual

Con motivo das festas do barrio de San Martiño Pinario, este sábado a entrada será gratuíta e actuará o Grupo de Pulso e Púa da Asociación de Antigos Tunos Composteláns

O Museo Casa da Troia volve abrir as súas portas durante o verán, dende este sábado día 4 ata principios de setembro. Ao longo do mes de xuño e ata mediados de xullo poderá visitarse os venres e os sábados; os venres en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas e os sábados de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. O resto do verán o museo abrirá no seu horario habitual, de martes a sábado.

Este sábado a asociación cultural San Martiño Pinario celebra a cuarta edición da Festa 50 Anos Aló. Con motivo destes festexos, a Casa da Troia organiza unha xornada de portas abertas. As persoas que se acheguen ao museo poderán visitalo de xeito gratuíto e gozar cun percorrido guiado pola antiga pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa célebre novela de 1915. Ofrécense percorridos guiados en galego, castelán ou italiano.

Actuación do Grupo de Pulso e Púa da Casa da Troia

Este sábado, no marco das festas de San Martiño Pinario, actuará o Grupo de Pulso e Púa da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, entidade que xestiona o museo. A agrupación realizará un pasarrúas dende a Casa da Troia ata a Praza de San Martiño Pinario, onde amenizará ao público asistente coas populares cancións da tuna, a partir das 21:00 horas.

O grupo creouse en 2013 como un proxecto vencellado ao Museo Casa da Troia, co obxecto de investigar, promover e divulgar tanto a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela “La Casa de la Troya”) como a figura e as obras de compositores galegos daquel tempo.

Está integrado por 26 membros, profesionais en distintos ámbitos unidos pola súa afección á música e polo feito de que todos eles pertenceron durante a súa etapa académica a unha tuna universitaria. O seu director é Fernando Reyes Ferrón, diplomado superior como profesor de instrumentos de corda pulsada na Escola Superior de Música de Trossingen (Alemaña).