A mostra está composta por unhas 60 obras que seguen temática das cidades, edificios, materiais de construción, deporte ou peregrinos
Ramón Álvarez, arquitecto e propietario da colección: “É unha exposición atípica, culta e ocorrente que seguro non deixará indiferente a ninguén”
A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia (rúa Federico Tapia, 64) inaugurará mañá venres, día 3, a exposición “Colección Andante e a Arquitectura”, ás 20:00 horas. O acto de inauguración contará coa presenza do prestixioso arquitecto galego César Portela –Premio Nacional de Arquitectura 1999–, e estará amenizado por Cardigan Bridge, unha banda liderada pola cantautora galega Rebeca Ponte. A mostra poderase visitar na sede da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos do 3 de xuño ao 1 de xullo, en horario habitual de apertura.
Nesta ocasión, a colección de arte contemporánea Andante xira ao redor da arquitectura. A mostra inclúe unhas 60 obras creadas na súa maioría por arquitectos, aparelladores e estudantes de arquitectura, que irán acompañadas doutras que por forma ou contido achegan ao cidadán ao mundo arquitectónico que o rodea. Cidades, edificios e materiais de construción, xunto co deporte ou os peregrinos son algunhas das temáticas que se poden contemplar na mostra.
Poderanse ver obras de Vari Caramés, que durante anos estudou na Escola de Aparelladores antes de converterse nun excepcional fotógrafo; do gran Moncho Borrajo, que chegou a terminar os seus estudos de Aparelladores antes de camiñar polo mundo da arte e o espectáculo; ou do artista e arquitecto italiano Momo Calascibeta. O seu comisario e propietario, o arquitecto Ramón Álvarez, explica que é unha exposición atípica, culta e ocorrente que seguro “non deixará indiferente a ninguén”.
Andante foi creada a partir dunha forma de zapato como elemento integrador e conta coa participación de artistas multidisciplinares (pintores, escultores, fotógrafos, arquitectos, modistos, músicos, bailaríns, reposteiros, etc). Desde o seu inicio en 2010 e en pouco máis de cinco anos, a colección superou xa as 800 obras realizadas por máis de 600 artistas de máis de 20 países, algúns tan destacados como o Premio Nacional de Deseño (1989), Alberto Corazón, os artistas cataláns Aggletek, os portugueses Manuel Patinha e Pedro Calápez ou os galegos Manolo Paz, Quintana Martelo, Roberto González ou Xaime Cabanas, entre otros moitos.
A mostra estivo exposta en importantes museos como o MAC Gas Natural-Fenosa da Coruña, o Albeitar de León, o Marcos Valcárcel de Ourense ou o Museo do Taulell de Onda (Castellón) e noutros espazos expositivos da Coruña, Santiago, Allariz, Zaragoza, Ponferrada, Valencia, Castellón, Madeira (Portugal) e Vigo.