Destina axudas para a contratación e o autoemprego e xestiona a inscrición no Sistema Nacional de Garantía Juvenil
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 30 de decembro
A Cámara de Comercio de Santiago dispón de 65.400 euros en 2016 para subvencións destinadas a fomentar a creación de emprego a través de axudas directas ás empresas da súa demarcación para a contratación de mozos e mozas menores de 30 anos, beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Juvenil, ademais de incentivar a posta en marcha de novas actividades empresariais ou profesionais. Estas axudas forman parte da convocatoria de fomento do emprego do Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE), cofinanciado pola Cámara de Comercio e o Fondo Social Europeo.
Os mozos e mozas que queiran optar a estas axudas deberán ter superado o proceso de orientación vocacional que inclúe o Plan de Capacitación do PICE, no que actualmente xa participaron ao redor de 125 mozos de entre 16 e 29 anos. Neste mes de maio celebrouse un curso de formación específica en xestión laboral e contable. Ademais, está previsto que esta semana se inicie un curso de formación troncal con clases de empregabilidade e habilidades sociais, inglés e de competencias dixitais para a busca de emprego.
Para reducir a taxa de desemprego xuvenil na área de Compostela, a Cámara ten como obxecto alcanzar a sinatura de 40 contratos indefinidos ou temporais a tempo completo, dun mínimo de seis meses, cun importe por contratación non superior a 1.500 euros. No caso das axudas a emprendedores, os beneficiarios recibirán unha dotación económica dun máximo de 1.800 euros para poder iniciar o seu proxecto empresarial. As empresas interesadas e os beneficiarios da liña de axuda ao emprendemento deberán presentar a súa solicitude antes do 30 de decembro nas dependencias da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44 baixo). Están excluídas as empresas de traballo temporal, as Administracións Públicas ou calquera organismo e entidade vinculadas ou dependentes do sector público.
Cámara, punto de inscrición do Sistema Nacional de Garantía Juvenil
Para participar no programa, os interesados deben estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Juvenil. Os que non dispoñan de DNI electrónico ou certificado dixital poderán acudir ás oficinas da Cámara de Santiago para recibir axuda de persoal cualificado presentando unicamento o carné de identidade. A entidade proporcionará ao interesado de forma gratuíta un certificado dixital para formalizar a solicitude de inscrición no PICE.