O acordo facilitará o fluxo de información económica
A sinatura celebrouse hoxe no marco dun encontro no que vinte empresas galegas de diversos sectores coñeceron o mercado desta rexión inglesa
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrou hoxe un encontro empresarial con representantes da Cámara de Comercio de Wirral (Inglaterra), no que participaron unha vintena de empresas galegas dos sectores do viño, queixos, empresas cárnicas de razas locais e embutidos, granitos, perfís de aluminio, carpintería industrial e mobiliario de cociña.
O vicepresidente, José Luis Rodríguez Dacal, e o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros, inauguraron a xornada na que a CEO Paula Basnett, o conselleiro delegado Kevin Adderley e o marketing manager da Cámara de Comercio de Wirral, Graham Maddrell, expuxeron datos relativos ao Northern Powerhouse. Trátase dunha zona económica do noroeste de Inglaterra con redes de financiamento privado para as organizacións do sector público e privado e os empresarios que teñan bens ou intereses a desenvolver ou salvagardar nesta área. Presentaron tamén o Festival Internacional Empresarial (IFB2016), que terá lugar en Liverpool do 13 de xuño ao 1 de xullo. A Cámara de Wirral terá un espazo dentro da feira onde as empresas galegas poderán contactar con compañías inglesas, previa inscrición na web do IFB2016, indicando o sector de negocio (www.ifb2016.com/es/).
Ao finalizar o encontro, José Luis Rodríguez Dacal e Paula Basnett asinaron un acordo para promover oportunidades de colaboración entre ambos territorios. Para incentivar negocios entre as demarcacións de Santiago e Wirral fomentarase a cooperación económica; o intercambio de delegacións comerciais, coa intermediación de expertos, e o fluxo de información económica, estatísticas ou datos sobre o comercio local; e a creación de redes de negocios para facilitar oportunidades comerciais. Ambas Cámaras esforzaranse tamén en axudar na participación de feiras comerciais, exposicións, conferencias, seminarios ou actividades similares celebradas en cada demarcación. Ademais, as partes deberán apoiar os obxectivos internacionais de cada unha, como en cuestións de investimento estranxeiro e a exportación.