Unha vintena de empresas participan nun encontro con representantes ingleses da Cámara de Comercio de Wirral

Celebrarase o vindeiro mércores-25 na Cámara de Comercio de Santiago

Asinarase un convenio para promover oportunidades de colaboración entre ambos territorios

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará o próximo mércores, día 25, un encontro empresarial coa Cámara de Comercio de Wirral (Inglaterra) no que participarán máis de vinte empresas galegas dos sectores do viño, queixos, empresas cárnicas de razas locais e embutidos, granitos, perfís de aluminio, carpintería industrial e mobiliario de cociña. A xuntanza, que será presentada polo vicepresidente cameral, Evaristo Rodríguez, celebrarase na sala de xuntas entre ás 9:30 e as 11:30 horas.

A CEO Paula Basnett e o conselleiro delegado da Cámara de Comercio de Wirral, Kevin Adderley, expoñerán datos relativos ao Northern Powerhouse, unha zona económica do noroeste de Inglaterra con redes de financiamento privada para as organizacións do sector público e privado e os empresarios que teñan bens ou intereses a desenvolver ou salvagardar nesta área.

Ademais, os reprensentantes ingleses farán unha presentación do Festival Internacional Empresarial (IFB2016), que terá lugar en Liverpool do 13 de xuño ao 1 de xullo. A Cámara de Wirral terá un espazo dentro da feira onde as empresas galegas poderán contactar con compañías inglesas, previa inscrición na páxina web  do IFB2016 indicando o sector de negocio (www.ifb2016.com/es/).

Ao finalizar a xornada ás 11:30 horas, as Cámaras de Santiago e Wirral asinarán un acordo para consolidar e desenvolver oportunidades de colaboración entre ambos territorios.

new-Chamber-logo