Ademais, durante tres días expertos neste eido atenderán, na sede do Consorcio, as consultas concretas que os cidadáns queiran facerlles
Tamén haberá actividades específicas para que os nenos de 9 a 12 anos coñezan prácticas de eficiencia enerxética a través do xogo
O Consorcio de Santiago vai celebrar a vindeira semana varios talleres da enerxía dirixidos aos cidadáns, en colaboración coa Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago. Esta iniciativa enmárcase no programa europeo EFFESUS -Eficiencia enerxética para a sostibilidade dos centros históricos europeos-. O Consorcio é un dos 23 socios deste proxecto, xunto con institucións, axencias de investigación, universidades e empresas de toda Europa.
Baixo o lema Rehabilita con enerxía!, organizarase o Laboratorio Urbano da Enerxía e Taller Participativo Cidadán, unha idea do Consorcio que conta co apoio da Concellería de Educación do Concello de Santiago. Estas xornadas diríxense a calquera cidadán con interese pola rehabilitación urbana, a eficiencia enerxética e a loita contra o cambio climático, en particular aos que habitan edificios ou vivendas con recoñecido valor dende o punto de vista do patrimonio histórico, ou mesmo contruídas antes do ano 1945, aínda que a participación está aberta a todos. “Búscase así a implicación dos habitantes da cidade que se sentan comprometidos e preocupados coa xestión intelixente da enerxía nas súas vivendas, con especial atención ao ámbito da cidade histórica de Santiago” -sinala Ángel Panero, arquitecto e responsable científico do proxecto EFFESUS no Consorcio de Santiago-.
As consultas dos cidadáns
No marco desta iniciativa vanse desenvolver tres tipos de actividades. Por un lado, os cidadáns poderán realizar de balde calquera consulta sobre a eficiencia enerxética das súas vivendas ou edificios na planta baixa da sede do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59) o martes 24, o mércores 25 e o venres 27 de maio; en horario de 13:00 a 14:00 e de 16:15 a 17:15 horas. As consultas serán atendidas por expertos en eficiencia enerxética e rehabilitación. É imprescindible solicitar cita previa, chamando ao teléfono 981 57 47 00 ou a través do enderezo rehabilitaconenerxia@consorciodesantiago.org.
Conferencias en Sargadelos
Por outro lado, programaranse unha serie de conferencias entre o martes 24 e o venres 27 de maio, entre as 18:15 e as 20:30 horas. Impartirannas especialistas en relación ao uso da enerxía e a eficiencia nas vivendas. Terán lugar na sede de Sargadelos, situada no número 16 da Rúa Nova. Ao final de cada xornada, os cidadáns asistentes ás conferencias poderán participar en mesas de debate cos expertos.
Talleres didácticos Xoga e aprende con enerxía!
Ademais, coa colaboración e o financiamento da Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, celebraranse os talleres didácticos Xoga e aprende con enerxía!, enfocados a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos. Estes obradoiros desenvolveranse en Sargadelos o martes 24 de 16:00 a 20:00 horas e os sábados 28 de maio, 4, 11 e 18 de xuño en horario de 11:30 a 13:30 horas. Os interesados deberán reservar praza no Departamento de Educación e Cidadanía nos teléfonos 981 554 400 / 401, a través do fax 981 571 511 ou do enderezo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.
Todos os actos programadas dentro desta iniciativa, o contido das conferencias e as actividades dos talleres participativos, están explicitamente destinados aos cidadáns, sen necesidade de que teñan ningún coñecemento ou formación sobre as materias que se van abordar. “O obxectivo é estimular o coñecemento, a reflexión e o intercambio de ideas entre cidadáns correntes, que son os que mellor coñecen as súas vivendas” -indican dende o Consorcio-. E, nesta liña, salientan que “o éxito das políticas de eficiencia enerxética europeas no sector da construción require de forma indispensable a implicación e compromiso dos usuarios das vivendas e habitantes dos barrios e cidades de Europa, por iso, dende o Consorcio de Santiago queremos animar a todos os composteláns a rehabilitar con enerxía”.