Entre febreiro e maio actuouse en 18 rúas e prazas, cun total de 88 intervencións
Os cidadáns poden enviar fotografías ou comunicacións por escrito relativas á deterioración do empedrado a apedraquepisas@consorciodesantiago.org
O Consorcio de Santiago destinou un total de 42.611,93 euros nos últimos tres mes deste ano ao servizo de reparación, mantemento e conservación dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica. Entre febreiro e maio actuouse en 18 rúas e prazas, cun total de 88 intervencións.
Diferentes equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas do casco histórico, baixo a planificación da Oficina Técnica do Consorcio. Nestes últimos meses interveuse no lousado das rúas Casas Reais, Porta Faxeira, Algalia de Arriba, A Conga, Porta da Pena, Orfas, Bautizados, Santa Cristina, O Franco, Preguntoiro, Rúa Nova, Rúa Travesa e Rúa do Toural. Así mesmo, actuouse no pavimento das prazas de Cervantes, Praterías, San Miguel, Toural e no Obradoiro.
“A pedra que pisas” é un programa de mantemento do espazo público na cidade histórica impulsado polo Consorcio de Santiago dende o ano 2007. Oriéntase ao establecemento dunha dinámica estable de posta en valor, conservación e reparación dos máis de 60.000 metros cadrados de lousados de granito do casco histórico compostelán.
Aínda que o programa está vencellado con estratexias innovadoras de mantemento estable e preventivo de espazos públicos urbanos monumentais, o seu obxectivo prioritario é garantir a seguridade dos peóns e cidadáns en xeral que se moven a pé neste ámbito. Con tal motivo, existe unha cuadrilla ou equipo de canteiros que se dedica de maneira exclusiva a reparar con inmediatez calquera situación de risco para os peóns.
Por outro lado, este servizo trata de garantir a mellor conservación dos pavimentos. Nesta liña, dende a Oficina Técnica do Consorcio salientan que cada unha das aproximadamente 200.000 lousas de granito que hai na cidade histórica compostelá require para o seu labrado e colocación dunha xornada de traballo completa dun canteiro.
Os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto á deterioración do empedrado ao enderezo apedraquepisas@consorciodesantiago.org. Os técnicos do Consorcio valoran cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de subsanar o desperfecto.
A importancia de regular o tráfico de vehículos e mercadorías na cidade histórica
A pesar do éxito do programa “A pedra que pisas”, dende a Oficina Técnica do Consorcio sinalan que, “unha vez normalizadas as dinámicas de mantemento dos espazos públicos, cómpre advertir que a súa eficacia técnica e económica só é posible e depende de actuacións complementarias en relación coa imprescindible regulación do tráfico de vehículos e mercadorías no marco da cidade histórica e outros hábitos relativos ao mantemento cotián”.
Dende a Oficina Técnica do Consorcio destacan como “factores determinantes” no proceso de deterioración do lousado do casco histórico “o tráfico pesado co agravante de velocidades excesivas e inapropiadas, o dano que se provoca nos rexuntados e mesmo na pedra ao empregar procedementos de limpeza con máquinas de presión ou produtos incompatibles cos morteiros e o mal estado de canalizacións e outras instalacións urbanas subterráneas, esencialmente de abastecemento de auga ou saneamento”.
En 2015 actuouse en 18 rúas e prazas, cun total de 135 intervencións
No marco deste programa, en 2015 actuouse no lousado de 18 rúas e prazas diferentes, cun total de 135 intervencións e un investimento global de 103.854,01 euros. Interveuse na Travesa das Dúas Portas, As Ameas, Rúa do Vilar, Travesa de Fonseca, Rúa Fonseca, Casas Reais, A Troia, Acibechería, Fonte de San Miguel, Costa do Cristo, Rúa de Santa Cristina, A Raíña, San Francisco e Porta da Pena. E tamén se actuou nas prazas da Quintana, Inmaculada, Cervantes e no Obradoiro.