Os arquitectos Abalo e Alonso explican a súa intervención nas hortas de Caramoniña en Compostela, premiadas na Bienal de Arquitectura Española

Hortas de Caramoniña en Santiago. Abalo Alonso arquitectos“A horta urbana converteuse nunha dotación cidadá máis”

A conferencia celebrarase hoxe na Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos ás 20:00 horas, no marco do ciclo “Territorios individuais”

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia  (rúa Federico Tapia, 62) celebrará esta tarde, ás 20:00 horas na súa sala de cultura, a última conferencia do ciclo “Territorios individuais”, unha iniciativa destinada a acoller distintas visións sobre o espazo público desde disciplinas expresivas transversais ás xentes, espazos e lugares.

O relatorio estará dirixido polos arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso que analizarán a materialización da idea de espazo público a través da súa arquitectura. Comentarán varias das súas últimas obras en espazo público, como as hortas de Caramoniña en Santiago de Compostela, recentemente premiadas na Bienal de Arquitectura Española; a reurbanización de San Clemente, tamén en Santiago; e a intervención de accesibilidade entre o casco histórico de Ribadeo e a súa zona portuaria.

O casco histórico de Santiago de Compostela foi declarado Patrimonio da Humanidade en 1985. Desde esa época, o Concello de Santiago potencia a rehabilitación, tanto pública como privada, de vivendas e edificios dotacionais e, nos últimos anos, do espazo urbano. Os arquitectos Abalo e Alonso explican que, a pesar de todo o traballo, aínda quedan buratos negros na cidade, contornos “degradados” sen un uso claro nin de fácil acceso.

Caramoniña é un deses lugares. Atópase no cinturón verde que rodea o casco histórico polo leste, e por outro lado, na rúa que comunica a zona vella co barrio da Almáciga, situado noutra das pequenas zonas elevadas que conforman a cidade. “O ancho da rúa, unido a un desnivel de máis de vinte metros, resolto con bancais independentes na actualidade, limita o acceso e, consecuentemente, o seu uso” –sinalan–.

A primeira actuación que executaron Abalo e Alonso ten que ver coa resolución dos problemas de accesibilidade entre os diferentes niveis. “Cando a pendente nolo permite, a comunicación resólvese con rampas por dentro da parcela. Cando isto non é posible, abórdase directamente desde o exterior, cunha plataforma intermedia” –destacan–. Así, facilítanse unha serie de percorridos e zonas de estancia e relación entre bancais, con espléndidas vistas cara a cidade histórica e boa orientación suroeste. Un percorrido máis curto, con escaleiras, bordea as ruínas existentes.

Ademais, Abalo e Alonso indican que con esta intervención recuperouse tamén a actividade previa mediante a inserción dunha serie de hortas. “A horta urbana converteuse nunha dotación cidadá máis” –apuntan–. Para favorecer esta actividade, os arquitectos apostaron por renovar os pozos abandonados, conectados cunha canle superficial. A obra completouse cunha iluminación que lembra, dalgunha maneira, ao “campus stellae”, onde algúns expertos ven a orixe do nome de Compostela. Nun futuro próximo, os arquitectos esperan coverter as ruínas en invernadoiro, aseos e almacén de apeiros de labranza.

O ciclo “Territorios individuais” clausurarase a vindeira semana, o martes día 24, cunha mesa redonda na que expertos de diversas disciplinas abordarán os problemas do espazo público.