Sae á luz unha nova edición actualizada da historia debuxada de Compostela, obra do arquitecto Arturo Franco Taboada

portadaPromovida polo Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos, documenta graficamente máis de 2.000 anos de construción da cidade

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presenta o libro esta tarde na Fundación Torrente Ballester, ás 19:30 horas

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar unha nova edición actualizada e revisada de “Los orígenes de Compostela. Una historia dibujada do arquitecto Arturo Franco Taboada. Esta tarde, ás 19:30 horas, preséntase na sede compostelá da Fundación Torrente Ballester. Ademais do autor, asistirán ao acto o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; e o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos.

A primeira edición desta obra publicouna no ano 1987 o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. A esta seguiulle unha segunda, que saíu á luz en 1998. Tres décadas despois da primeira, xorde esta terceira edición, revisada a fondo e redeseñada de novo, tamén en castelán e en inglés.

Franco Taboada interpreta a través dos seus debuxos cales foron as sucesivas etapas da cidade compostelá, dende as súas orixes ata a súa actual constitución, dende as pegadas romanas ata o esplendor do Pórtico da Gloria. Trátase de ilustracións cheas de forza, cor e trazos precisos que van explicando a evolución urbana de Compostela. Xunto aos debuxos, os textos documentan de xeito ameno máis de dous mil anos de construción da cidade.

Existen moi poucos estudos gráficos sobre a Catedral e o seu contorno

Franco Taboada trasladouse a Santiago na década dos sesenta para realizar os seus estudos universitarios. Axiña empezou a interesarse pola historia que agochaban as súas pedras. Xa como profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, foille dando forma á súa idea de analizar dende unha óptica gráfica os espazos urbanos dos conxuntos históricos, as razóns da súa formación e a súa evolución temporal. E así comezou a analizar a formación do espazo en torno ao conxunto catedralicio compostelán. E comprobou que existía unha abondosa literatura escrita en todo o mundo sobre a catedral, tan ampla como escasos eran os estudos dende o punto de vista gráfico.

O autor toma como base do seu traballo as escavacións feitas en 1946-1959 na Catedral de Santiago

Co obxecto último de analizar a evolución do espazo da Praza da Quintana, o autor comezou a historia polo principio. “Pretendía construír unha historia unitaria e continua, que se sucedese loxicamente sen grandes lagoas temporais”. Así, para o desenvolvemento deste traballo tomou como base principal arqueolóxica as escavacións do 1946-1959 e o resultado das mesmas, publicado por monseñor Guerra Campos. Estas escavacións rastrexaron a área correspondente ao subsolo da cruz da catedral románica, a nave maior e os transeptos.

O autor empregou o material obtido e interpretado nas citadas escavacións, que explotou graficamente para averiguar como naceu a urbe compostelá en torno ao proceso crecente da catedral, como se foi transformando o espazo urbano e cales puideron ter sido os condicionamentos e razóns que fixeron posible esta transformación.

Prólogo de Torrente Ballester

O prólogo da primeira edición é de Gonzalo Torrente Ballester. Nel o escritor destaca que “la mejor manera de averiguar cómo se llegó a la actual Compostela es examinando sus piedras”. E fai referencia a “un libro singular, novedoso, inesperado y, sin embargo, lógico”. Nesta liña, sinala que para elaboralo foi preciso “el conocimiento de las piedras y el saber cómo se manipuló y se construyó con ellas. Es decir: lo que nos ofrece la arqueología y lo que puede hacer con ella un arquitecto imaginativo, en este caso, Arturo Franco Taboada”. O escritor salienta que o exame desta obra ofrece “una nueva dimensión de la ciudad y de sus piedras”.

Arturo Franco Taboada é arquitecto, escritor e debuxante. Nace na Coruña e na actualidade exerce como profesor na Escola de Arquitectura. Doutor Arquitecto pola Universidade de Santiago, ten sido recoñecido, entre outros, co Premio Internacional Puente de Alcántara e Premio Colexio de Arquitectos de Galicia. Ademais, como escritor foi finalista do Premio Planeta en 1993.