Jesús Asorey, presidente cameral: “Os empresarios teñen que coñecer o uso do seguro como ferramenta de protección ante os riscos que se presentan no transcurso da súa actividade empresarial”
A Cámara de Comercio de Santiago acolleu hoxe unha xornada de traballo organizada pola Fundación Inade (Instituto Atlántico del Seguro) sobre “A xestión do risco e a súa transferencia na empresa galega”, na que participaron ao redor dun cento de empresarios. O presidente da Cámara, Jesús Asorey, inaugurou a sesión que estivo moderada polo director de Inade, Adolfo Campos Carballo.Na presentación da xornada, Jesús Asorey manifestou que esta xornada forma parte das actividades previstas no convenio de colaboración asinado en 2015 con Inade para “favorecer a información e formación dos asociados camerais sobre xerencia aseguradora e seguros”.
O presidente destacou que esta xornada axudará ao empresariado a coñecer a importancia do “uso do seguro como ferramenta de protección ante os riscos que se presentan no transcurso da súa actividade empresarial”.
A xornada, dirixida a empresas e directivos, pretende analizar os métodos de xestión de risco a través dun estudo de investigación elaborado polo grupo Valfinap da Universidade de Santiago (USC), e que supón o primeiro traballo científico sobre a materia que se elaborou en España. O seu director Luis Alberto Otero ofreceu un relatorio para presentar as conclusións nas que se reflicte a situación actual da xestión do risco e o seguro na empresa galega.
Na xornada tamén se deron a coñecer os dereitos e as obrigas que teñen as empresas nos seus contratos de seguros, segundo as últimas modificacións da Lei de Contrato de Seguros que entraron en vigor o pasado 1 de xaneiro. Ademais, profundizouse nas repercusións que ten para a empresa o novo “baremo de danos corporais”, unha norma que afecta directamente no risco da responsabilidade civil. Este relatorio estivo impartido polo profesor titular de Dereito Civil da Universidade da Coruña (UDC) e director da “Cátedra Fundación Inade – UDC: A xestión do risco e o seguro”, Fernando Peña López.