A auga do mar e elementos mariños como as algas, limos, o clima, o sol ou a area posúen propiedades terapéuticas moi útiles para tratar patoloxías diversas
Estudantes galegos de Medicina van coñecer esta fin de semana os beneficios da talasoterapia para abordar e previr diferentes doenzas. Estas xornadas, que se organizan no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, comezan mañá venres e prolongaranse ata o sábado. Terán lugar no Talaso Atlántico, situado na localidade pontevedresa de Oia.
Tal como salienta o director médico do Talaso Atlántico, o doutor Salvador Ramos, “a talasoterapia é unha gran descoñecida, a pesar de termos un país cunha gran superficie costeira; non obstante, a súa longa historia e o seu desenvolvemento en países como Francia, Reino Unido ou Túnez fan que se manteña con personalidade propia”. Nesta liña, explica que a finais do século XVIII xorden os primeiros sanatorios marítimos e posteriormente os denominados balnearios de agua de mar, que empezaron a empregar a auga mariña con criterios terapéuticos, máis alá dos tradicionais baños de olas, quentándoa e administrándoa de distintas formas.
“A talasoterapia, tal como a coñecemos na actualidade, é a utilización, baixo prescrición médica e con fins preventivos ou terapéuticos, da auga do mar e demais elementos mariños como as algas, os limos e ata o propio clima, o sol e a area” -indica o doutor-. Sinala que “baixo este criterio e nunhas instalacións sanitarias axeitadas, que lle otorguen o recoñecemento oficial de Servizo Sanitario, nos centros de talasoterapia, popularmente coñecidos como talasos, prescríbese a denominada cura termal mariña, procedemento terapéutico pouco agresivo e moi ben tolerado, especialmente útil para persoas afectadas polas diferentes patoloxías crónicas predominantes na nosa sociedade actual”.
Segundo afirma o doutor, “ademais de acudir aos centros de talasoterapia para coidarse, os usuarios son tamén persoas afectadas por algunha patoloxía e precisan mellorar o seu estado xeral, a súa capacidade funcional e a súa calidade de vida”. Así, os futuros médicos asistentes a estas xornadas participarán na Escola de Saúde e Benestar da que dispón o talaso Atlántico, un foro e lugar de encontro que nesta ocasión se centrará no proceso de coidados ao paciente neurolóxico con trastornos neurodexenerativos e/ou dano cerebral sobrevido.
“Estas patoloxías supoñen un problema sanitario de primeira magnitude pola súa alta incidencia e as severas discapacidades que causan, así como polos estigmas que as rodean. Neste sentido, chama a atención que as persoas afectadas por estas enfermidades non adoitan ser habituais nos centros termais, o que nos debe facer reflexionar, xa que a hidroterapia e sobre todo a talasoterapia, debido á maior concentración de sales minerais, é especialmente útil nestes casos” -di Ramos-.
Ademais, o doutor destaca que os centros de talasoterapia son espazos moi axeitados para o coidado non só dos pacientes, senón tamén dos seus familiares e coidadores, que teñen a necesidade de dispor de programas que faciliten o respiro e o descanso, tal como recolle a Estratexia Nacional de Enfermidades Neurodexenerativas de España, aprobada polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade o pasado 13 de abril.
Coidados das persoas afectadas por cancro
Ao longo destas xornadas, os futuros médicos terán a oportunidade de coñecer os servizos e coidados que o talaso Atlántico ofrece dentro do seu Programa de Coidados Integrais a Persoas afectadas por Cancro. Este programa está orientado a atenuar os efectos secundarios dos tratamentos, facilitar a recuperación do paciente e aportalle asesoramento en hábitos de vida como o referente a alimentación, actividade física e o control do estrés como elementos fundamentais.