A cita será no auditorio do centro, ás 21:00 horas, e as entradas son gratuítas ata completar aforo
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, ten en marcha unha nova edición de “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do centro. A vindeira cita terá lugar este sábado, 23 de abril, ás 21:00 horas no auditorio da escola. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.
No concerto deste sábado participarán alumnos do Curso de Especialización Instrumental da escola, xunto con alumnos invitados dos conservatorios de Galicia, en particular dos da Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra. Son un total de 54 rapaces que tocan o violín, a viola, o violoncello, o contrabaixo, a frauta, o óboe, o clarinete, o fagot, a trompa, a trompeta, o trombón, a tuba ou a percusión.
A batuta levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais e da Real Filharmonía de Galicia. Os xoves músicos comezarán coa interpretación da Sinfonía nº 104 “Londres” do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809). A actuación rematará coa obra Un atardecer en Granada do compositor e violinista galego Andrés Gaos (1874-1959). A cita musical terá unha duración aproximada dunha hora.
Actuacións ata o mes de xuño
Con esta iniciativa de “A Escola na Cidade”, a EAEM implícase na programación cultural de Santiago, a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas.
Entre os meses de maio e xuño, como colofón dos seus estudos, cada un dos alumnos do curso de posgrao da escola deberá realizar un concerto público que implique unha participación solista destacada. Así mesmo, os estudantes máis destacados do centro terán a oportunidade de interpretar como solistas un programa acompañados pola Real Filharmonía de Galicia no mes de xuño.