González Formoso visitou hoxe a incubadora de Costa Vella, a mellor de España en 2015 segundo o Funcas
O titular do Goberno provincial tamén mantivo unha reunión co Foro Cívico Empresarial para falar sobre as necesidades socioeconómicas da capital de Galicia
O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey Carril, recibiu hoxe no viveiro de empresas de Costa Vella ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que percorreu as instalacións da incubadora cameral, cualificada polo informe da Fundación de las Cajas de Ahorros (FUNCAS) como o mellor viveiro de España en 2015.
Os directivos camerais fixeron unha ampla exposición sobre os servizos de asesoramento empresarial e xurídico que o viveiro presta aos emprendedores e, posteriormente, amosaron polo miúdo as instalacións ao presidente do órgano provincial, cuxa visita se prolongou durante unha hora. Segundo manifestou Jesús Asorey, a mellor política laboral é “apostar polo emprendemento como base do emprego” na actual conxuntura económica.
O presidente da Deputación da Coruña salientou o “excelente funcionamento” do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, e afirmou que a institución provincial buscará “aproveitar a experiencia e o coñecemento” da entidade para o fomento de accións de apoio a emprendedores e “exportar este modelo” a outros puntos da provincia.
A incubadora alberga actualmente a 44 empresas
O viveiro de empresas de Cámara acolle na actualidade a 44 empresas, o que supón un nivel de ocupación do 80%. Desde o seu nacemento en 2006, pasaron pola incubadora un total de 146 firmas, cunha taxa de supervivencia empresarial do 76%, cifras que amosan o seu correcto funcionamento e a calidade do seu emprendemento.
O viveiro xerouse para impulsar a creación, crecemento e consolidación de empresarios individuais e empresas. Forma parte activa da Rede Incyde, a maior de Europa, que actualmente engloba a 117 incubadoras en activo, o que permite aos viveiristas ter acceso a unha axenda internacional de contactos e eventos.
Cunha superficie construída de 1.599,8 m2, con catro alturas, 24 oficinas, salas de reunións e aulas, o viveiro está dedicado integramente á incubación de proxectos. Sumado aos servizos de infraestrutura e loxística, os viveristas reciben formación, tutorización e asesoramento especializado segundo as súas necesidades. E de maneira complementaria, ofrece a opción do viveiro virtual para aqueles que non precisen, polas características da súa actividade empresarial, dun espazo físico onde situarse, pero sí a infraestrutura, loxística e servizos ofertados polo viveiro.
Reactivación económica, máis emprego e mellores infraestruturas
Tras a visita á incubadora, o presidente da Deputación mantivo unha reunión cos representantes do Foro Cívico Empresarial na sede da Cámara de Comercio, para tratar cuestións sobre a situación actual das infraestruturas viarias e ferroviarias pendentes na cidade, e outros temas relevates de carácter económico.
O Foro trasladou a García Formoso a súa preocupación polo estado actual das obras en infraestruturas relevantes en Santiago de Compostela neste 2016, como son o orbital e os enlaces da AP9, A-54, polígonos industriais e Cidade da Cultura, a estación intermodal, a estación de carga de mercadorías da Sionlla e o túnel de Conxo e a variante de Aradas.
O colectivo considera fundamental continuar coa demanda dunha auténtica estación intermodal para Santiago e a reclamación do proxecto. O colectivo cre que a construción da estación intermodal é unha necesidade para a capital de Galicia, que se fai máis visible coa chegada do AVE e o aumento do nivel de pasaxeiros, que beneficiará economicamente a todos os sectores de negocio da cidade.
Pola súa parte, González Formoso destacou que “a principal aposta e a liña de traballo transversal da Deputación durante o presente mandato vai a ser a xeración de emprego, o apoio ao emprendemento e a todo aquel proxecto que supoña xeración de actividade económica na provincia”.
Neste sentido, subliñou que a institución que preside ven de presentar un Plan de Emprego cun orzamento de 7 millóns de euros, que multiplica por 6 o investimento que ata agora destinaba a Deputación a esta materia, o que amosa o “compromiso” do Goberno provincial neste aspecto.
Formoso repasou algunhas da liñas principais deste novo plan do que se beneficiarán parados de longa duración e persoas con dificultades de inserción laboral, os concellos coruñeses e pemes e proxectos emprendedores da provincia, que contarán con incentivos para a contratación de persoal e para impulsar a posta en marcha de novos proxectos empresariais que contribúan a reactivación económica da provincia.
Integran o Foro Cívico Empresarial Cámara de Comercio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca, Fundación Santiago Centro, Real Sociedad Económica de Amigos del País, Fundación Ruta Xacobea de Mar de Arousa e Ulla, Colexio de Avogados de Santiago, Colexio de Economistas, Colexio de Arquitectos, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Procuradores, Asociación do Polígono do Tambre, Rotary Club, Asociación de Antigos Alumnos da USC, Asociación de Periodistas de Santiago, Compostela Solidaria, Vicus Francorum e o Colexio Maior A Estila.