Ofrecerá hoxe unha conferencia no ciclo “Territorios individuais”, ás 20:00 horas na Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos
A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugura esta tarde o ciclo de conferencias “Territorios individuais”, unha iniciativa destinada a acoller distintas visións sobre o espazo público desde disciplinas expresivas transversais ás xentes, espazos e lugares. Celebrarase durante os martes de abril e maio na sala de cultura da delegación (rúa Federico Tapia 62). Ao acto, que será na sede coruñesa ás 20:00 horas, asistirán o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, e o presidente da delegación, Roberto Costas.
O xeógrafo portugués Álvaro Domingues, ofrecerá un relatorio chamado “Territorio casa común”, no que comentará o problema do hábitat nos tecidos difusos de Galicia e o norte de Portugal. O experto fará un repaso á última exposición realizada no Centro de Estudos de Vila Nova de Famalicão, no Val do Ave, unha rexión de urbanización e industrialización difusas que forma parte dun traballo realizado fai anos co urbanista Juan Luis Dalda.
Álvaro Domingues explica que o territorio, a pesar de ser unha palabra que en moitas ocasións se emprega como auto-explicativa, é un concepto “algo caótico” que pode conter unha infinidade de significados e mesmo de contradicións. Nas súas orixes, Domingues destaca que segundo a historia militar territorio é un espazo dominado e regulado, con fronteira e unhas regras de permanencia e circulación.
Fóra do campo estritamente militar, o xeógrafo indica que outra aplicación de territorio é na súa asociación sociedade-territorio, cun significado de coincidencia entre un colectivo social e o seu espazo xeográfico. En termos de identidade, Domingues apunta que se mesturan os conceptos, por exemplo Galicia é o territorio dos galegos que son os que viven en Galicia e se identifican coa súa terra. “É a versión romántica longamente desenvolvida no século XIX nun contexto de premodernidade rural no que a importancia da economía agrícola tradicional, familiar, de autosubsistencia, facía da terra e do solo unha necesidade absoluta e unha mitoloxía de pertenza, enraizamento e identidade” –suliña–.
Enlazando o territorio con outros termos, o xeógrafo explica que a soberanía ten como significado a capacidade que o estado ou nación ten que exercer o poder lexítimo dentro das súas fronteiras. “No mundo animal existe un forte sentido de territorialidade que necesita marcar e defender como espazo vital de caza, subsistencia e dominio; na transferencia desta situación aos humanos provocou situacións tan periogosas como o nazismo” –destaca–.
Pero Domingues apunta que existen moitos outros territorios, como os espazos de vida, de pertenza afectiva, funcionais, virtuais como as actuais redes sociais, espazos relacionados, ou o espazo político onde ten cabida o urbanismo e a planificación do territorio. Neste último espazo, o xeógrafo admite que actualmente hai certa confusión derivada da rixidez dos modos de regular o uso do solo e a ordenación do territorio. “Perdéronse as vellas estabilidades que definían a cidade e o campo, o urbano e o rural, o natural e o artificial. A cidade perdeu o monopolio da urbanización e o que chamamos urbanidade ocorre en xeografías múltiples, extensas, aglomeradas, dispersas, especializadas ou mesturadas. Coa globalización xa non se entende o que é o local e o global” –asegura. Ante estes cambios de uso do territorio, Álvaro Domingues comenta que é preciso saber cales son as prioridades en cuestións de urbanismo e ordenación do territorio para aumentar as posibilidades de mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns.