A Cámara de Santiago impartirá cursos de xestión comercial e económico financeira para pemes a partir do 18 de abril

Ofrécense tamén clases prácticas para que emprendedores e empresarios poidan manexar a súa propia web corporativa a través de wordpress

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela inaugurará o vindeiro 18 de abril tres cursos formativos sobre o plan comercial, a xestión económico financeira e a creación de webs corporativas en pequenas e medianas empresas a través da ferramenta wordpress.

O curso “Como elaborar o teu plan comercial” permitirá aos asistentes coñecer as claves no desenvolvemento directivo de habilidades para a xestión propia e do equipo de traballo, incrementar a eficacia directiva e facilitar o desenvolvemento profesional do equipo aplicando correctamente as técnicas actuais no ámbito das habilidades directivas. Para desenvolver un plan comercial, a empresa formadora Quelqum ensinará aos participantes a analizar os antecedentes, o contorno e a situación interna das súas empresas para poder, finalmente, elaborar un plan comercial e mellorar a rendibilidade económica da compañía.

O curso está dirixido a mandos intermedios de calquera área de responsabilidade da empresa, así como xerentes e directores xerais que desexen desenvolverse como directivos e mellorar na dirección de persoal. Desenvolverase nas aulas formativas da Cámara ata o 27 de abril, en horario de 20:00 a 22:00 horas.

 Xestión, viabilidade dun negocio

Outro curso que se inaugurará o 18 de abril versará sobre xestión económico financeira da peme. Arxon Estrategia impartirá esta formación de xestión do negocio, aspecto que considera clave para a viabilidade futura dunha empresa. Celebrarase nas aulas camerais ata o 28 de abril, de 20:00 a 22:00 horas. As clases permitirán aos alumnos enriquecerse con coñecemento sobre viabilidade e rendibilidade, xestión financeira con información sobre o Plan de Tesourería e amortizacións, ou a posta ao día doutros documentos económicos para a xestión da empresa.

Para mellorar a imaxe corporativa a través de Internet, a Cámara tamén organiza un curso de creación de webs corporativas a través de wordpress de maneira fácil e práctica. Impartirase de 20:00 a 22:00 horas ata o próximo 29 de abril da man de Quelqum. O seu obxecto é que os alumnos poidan configurar de maneira autónoma unha páxina web ou un blog corporativo utilizando esta plataforma dixital. Está enfocado a empresarios, emprendedores, traballadores en activo ou persoas interesadas na creación dunha web ou blog autoxestionables.

wordpress