Preséntase a publicación “PAGUS. Galicia, un país de paisaxes” que recolle seis vistas ourensás como O Ribeiro, A Lagoa de Antela, Allariz, ou A Ribeira Sacra
Celebraranse o martes, mércores e xoves da vindeira semana, a partir das 17:30 horas
O Colexio de Arquitectos de Galicia organiza unhas xornadas sobre o Proxectoterra, integradas no Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, na sede do Centro de Formacion e Recursos (CEFORE) da Consellería de Educación no Barco de Valdeorras (rúa Calabagueiros, s/n) os días 12, 13 e 14 de abril, nas que participarán uns 20 profesores e profesoras de Educación Secundaria.
Estas xornadas, que se engloban baixo o título “Proxectoterra: a construción do territorio e a paisaxe”, celebraranse ao logo de tres días para dar a coñecer ao profesorado as múltiples propostas didácticas que o Proxectoterra leva elaborando no eido educativo desde hai quince anos.
As tres xornadas correrán a cargo do coordinador do proxecto, Xosé Manuel Rosales, que presentará o primeiro día o conxunto de materiais ofertados a todos os centros educativos de Galicia de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, así coma as ferramentas dixitais e audiovisuais presentes na súa recén renovada páxina web http://proxectoterra.coag.es/.
As sesións do segundo e terceiro día permitirán aos asistentes un achegamento teórico e práctico á paisaxe e á realidade territorial de Galicia a través da presentación do derradeiro material elaborado: “PAGUS. Galicia, un país de paisaxes”. Trátase dun proxecto multidisciplinar e aberto a múltiples encadres didácticos dentro do marco do ensino secundario obrigatorio.
A obra preséntase en dous volumes, o libro do alumnado e a guía do profesorado e ten como marco de referencia o Convenio Europeo da Paisaxe e o currículos educativos vixentes co fin de seguir os criterios do Consello de Europa sobre a necesidade de fixar obxectivos e metodoloxías na materia de paisaxe e desenvolvemento sustentable no eido do ensino obrigatorio. Deste xeito, PAGUS enmarca os seus obxectivos na aprehensión das distintas miradas, interpretacións e análises que o alumnado galego pode acadar de diversas realidades paisaxísticas do territorio que habita, ademais de fomentar o sentimento de pertenza a unha comunidade da que son axentes activos e, todo iso coa finalidade de formar cidadáns e cidadás do futuro.
Dentro das 15 paisaxes presentadas en PAGUS, a provincia de Ourense é a que maior número acolle. A publicación recolle seis paisaxes significativas da provincia: O Ribeiro, A Lagoa de Antela, Allariz, A Ribeira Sacra, A Paisaxe de Fronteira Rabal/Vilarelho da Raia e Casaio. Amosar a diversidade de paisaxes do país e aportar unha metodoloxía de achegamento á súa comprensión é un dos obxectivo esenciais cos que o Colexio de Arquitectos de Galicia aspira a colaborar co mundo da educación.