A Cámara recibe o Premio Fulget 2015, como a mellor entidade colaboradora na formación dos estudantes da Facultade de Económicas e Empresariais da USC

Jesús Asorey, presidente cameral:

“É fundamental instruír a futuros empresarios, economistas e traballadores cualificados para convertelos en profesionais competitivos na sua saída ao mercado laboral”

O vicerreitor Roberto López e a decana Emilia Vázquez entregaron hoxe a distinción durante os actos do día do patrón

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela foi elexida hoxe entidade gañadora do Premio Fulget 2015, outorgado pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O presidente cameral, Jesús Asorey, recibiu de mans do vicerreitor de Oferta Docente e Innovacion Educativa da USC, Roberto López, e da decana da facultade, María Emilia Vázquez, o diploma acreditativo no marco do programa de actos do día do patrón da facultade.

O Premio Fulget é unha distinción de periodicidade anual que a Facultade de Económicas entrega a unha empresa ou colectivo empresarial galego en recoñecemento a súa colaboración en accións encamiñadas a mellorar as relacións entre a actividade académica e a contorna profesional.

Jesús Asorey manifestou que para a Cámara de Comercio é un “orgullo verdadeiramente especial” recibir o Premio Fulget da Facultade de Económicas, pola “vocación universitaria” da entidade e pola crenza firme na “trascendencia da formación”. Ao ser acredores desta distinción, o presidente indicou que están na obriga de redoblar o “compromiso, esforzo e ilusión” por lograr, en colaboración coa facultade, novas metas e retos cada vez máis elevados.

O presidente cameral explicou que é fundamental instruír a futuros empresarios, economistas e traballadores cualificados para convertelos en profesionais competitivos na sua saída ao mercado laboral. Nesta misión leva anos involucrada a Cámara de Comercio, xestionando prácticas dos estudantes de Económicas nas instalacións da entidade con diversas orientacións, realizando valoracións das programacións curriculares e ofrecendo formación en emprendemento.

Como reseña histórica, Asorey lembrou que desde 2010 os estudantes dos últimos cursos do Grao e do Máster da facultade visitan o viveiro de Costa Vella, recoñecido recentemente como a mellor incubadora de empresas de España, segundo o informe Funcas. No viveiro, os universitarios coñecen de primeira man o seu funcionamento, as instalacións, e os servizos de asesoramento e de plan de empresa. En 2015 visitaron a incubadora 360 de escolares e universitarios.