“É un referente cultural que acadou un alto grado de simbiose co seu pobo”
A Academia Galega de Belas Artes celebrou hoxe un acto solemne en Rianxo polo “Día das Artes Galegas”
Rianxo, 2 de abril de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou hoxe un acto solemne e público en Rianxo polo “Día das Artes Galegas 2016” adicado a Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires, 1950). O presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, presentou o acto e a conferencia do ilustrador, debuxante e académico numerario da sección de artes da imaxe, Miguelanxo Padro. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez, clausurou o acto.
Miguelanxo Prado ofreceu unha conferencia sobre o carácter multidisciplinar do traballo de Castelao, o seu interese polas linguaxes máis novidosas e a concepción da arte como un xeito de comunicación. Ademais de aportar datos historiográficos e da súa biografía vital e política, o ilustrador realizou unha análise da súa traxectoria como “home senlleiro da cultura galega”. Como figura homenaxeada na efeméride das artes, Miguelanxo Prado manifestou que Castelao é unha figura de “indiscutible” aceptación colectiva por parte da cultura e o pobo galegos, máis alá de ideoloxías. “Castelao é un referente cultural que acadou un alto grado de simbiose co seu pobo” –explicou–.
A pesar da súa formación de médico, o académico lembrou as palabras que Castelao lle dixo no seu día ao seu pai: “Quero ser artista”. A partir desa premisa, Miguelanxo Prado relatou como Castelao avanza de forma intuitiva no terreo artístico, descubrindo e internándose en diversas disciplinas como o debuxo, a pintura, o humorismo, as caricaturas, a ilustración, o deseño gráfico, a tipografía, entre outros campos artísticos. Neste punto, Miguelanxo Prado indicou que o fío común para todas estas actividades, e que serve para trazar a evolución dos principios da arte galega ata a actualidade, é a importancia que Castelao lle daba á comunicación e a poder transmitir o seu parecer artístico á sociedade. “Castelao sería un creador activo e integrado na sociedade actual polo seu universalismo e actividade multidisciplinar. A súa obra circunscríbese no espazo global da cultura humana, sen perder as súas raíces” –salientou–.
No apartado das caricaturas, o académico explicou que Castelao descubre este medio na súa estadía inicial con seus pais en Arxentina, onde se converte nun seguidor da revista “Caras e Caretas” na que xa, entre finais do século XIX e principios do XX, publicaba o debuxante galego emigrado Xosé María Cao Luaces os primeiros apuntos do actual xénero do cómic. “O rianxeiro descubre esa linguaxe global das caricaturas, como concepción de debuxo irónico de carácter social e político, que pon en relación directa e indisoluble textos e imaxes” –sinalou–.