A Asociación de Antigos Alumnos da USC cumpre vinte anos co propósito de seguir medrando e ser o “nexo entre a Universidade e a sociedade”

O seu primeiro presidente, Juan Casares Long, foi nomeado socio de honra polo seu “traballo e esforzo” durante oito anos

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC) celebrou esta tarde un acto conmemorativo polo seu XX aniversario. O evento, que tivo lugar no Paraninfo da facultade de Xeografía e Historia, contou coa presenza da presidenta de Alumni USC, Benita Silva; o reitor da USC, Juan Viaño; o secretario de Política Língüística, Valentín García; o reitor fundador da asociación, Darío Villanueva; o concelleiro de Eduación, Manuel Dios, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; ademais de Carlos Gómez en representación dos socios da entidade.

Na súa intervención, Benita Silva destacou que Alumni xa leva en activo o tempo suficiente para poder botar a vista atrás e recapacitar sobre a traxectoria percorrida e, sobre todo, para “reflexionar sobre o presente e futuro da entidade”. Agradeceu e recoñeceu o labor dos seus fundadores Darío Villanueva e o presidente do Consello Social en 1986, Emilio Pérez Nieto, e por suposto, do seu primeiro presidente Juan J. Casares Long, persoas que fixeron posible que a asociación fose unha realidade. “Asumiron con entusiasmo e dedicación a tarefa de conducir a nosa querida asociación polo mellor camiño” –suliñou. Neste punto, a presidenta anunciou o nomeamento de Juan J. Casares Long como novo socio de honra. “Casares Long puxo en marcha a asociación e dedicou moito traballo e esforzo durante oito anos, sempre cun entusiasmo e cariño que mesmo llo contaxiou á súa familia” –indicou a presidenta–.

E como proxectos de futuro, Benita Silva sinalou que a actual xunta directiva ten como obxecto esencial actuar de “nexo entre a Universidade e a sociedade” para manter o vínculo dos antigos estudantes da USC entre si, e de todos eles coa institución. “Consideramos que a asociación pode ser un instrumento magnífico para exercer a responsabilidade social universitaria e lograr que a sociedade coñeza e recoñeza o valor das misións universitarias” –manifestou–. Puxo como exemplo o feito de que a entidade forme parte do Foro Cívico Empresarial, agrupación intersectorial que mira polos asuntos estratéxicos da cidade de Santiago.

Pero a preocupación priomordial é chegar a ser economicamente autosuficiente. A presidenta apuntou que cómpre incrementar o número de socios para “agrandar día a día a gran familia da entidade”. Outros proxectos de Alumni USC son o interese de fomentar as relacións con outras entidades de Santiago e Lugo coas que se comparten obxectivos co fin de optimizar esforzos; o fomento da relación coa mocidade con programas como o mentoring da USC, Un café con… para poñer en contacto a estudantes con directivos de empresas, ou a celebración dun foro de intelixencia emocional en outono.