Este domingo, último día para percorrer a exposición conmemorativa dos 20 anos da Real Filharmonía de Galicia na Casa do Cabido

Dende a súa inaguración, visitaron a mostra 1.500 persoas

A exposición do Auditorio de Galicia continúa ata o mes de xuño

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2016

Baixo o título “Real Filharmonía de Galicia. 20 anos contigo”, o Consorcio de Santiago, organismo que xestiona a RFG, promove unha exposición conmemorativa dos vinte anos de traxectoria da orquestra. A mostra repártese en dous espazos, a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) e o Auditorio de Galicia (sede da orquestra).

A da Casa do Cabido poderá visitarse ata este domingo, 3 de abril; de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas de martes a sábado e o domingo de 11:00 a 14:00 horas. Dende que se inaugurou, o pasado 29 de febreiro, percorreron a mostra 1.500 persoas.

Pola súa parte, a exposición do Auditorio de Galicia continuará ata o final da temporada da orquestra, no mes de xuño. Pode verse de luns a domingo, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Cinco escenarios diferentes

A mostra da Casa do Cabido divídese en cinco escenarios diferentes. Na entreplanta proxéctanse vídeos antigos da Real Filharmonía de Galicia, ao tempo que se escoita a música do CD que se editou en 2006 con motivo do 10º aniversario da orquestra. Hai un espazo habilitado con sillas para os que desexen gozar da música de xeito repousado.

Outro dos espazos está dedicado aos primeiros concertos da RFG e nel recóllense fotografías históricas da orquestra, que pertencen ao Arquivo do Auditorio de Galicia. Noutro destácanse instantáneas dos escenarios máis importantes nos que actuou, entre eles o Teatro Nacional, o Palau de la Música Catalana, o Palacio Euskalduna de Bilbao, a Praza da Quintana ou a Cidade da Cultura, entre outros.

As salas superiores están centradas na orquestra na actualidade, a través de dúas reportaxes fotográficas, unha do fotógrafo Xaime Cortizo e outra do músico Luís Soto, frautista da RFG dende a súa creación, moi afeccionado á fotografía e que ten ilustrado os grandes momentos da agrupación. Ademais, pode verse o primeiro traxe que vestían as compoñentes femininas da orquestra fai vinte anos.

expo1