O Consorcio de Santiago repara a torre do campanario da igrexa da Peregrina, pola que entraba a auga da chuvia

Actuouse no tellado e na fachada exterior do campanario, ao tempo que se melloraron as campás

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2016

O Consorcio de Santiago está a realizar obras na igrexa da Peregrina, centradas na limpeza e reparación da torre do campanario. A intervención era urxente debido á importante entrada de auga no campanario e no seu contorno.

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Pablo Tomé, explica que xa se levou a cabo a limpeza da fachada exterior do campanario, ao tempo que se renovaron os rexuntados que estaban deteriorados co fin de impedir a entrada da auga no interior da fábrica. Tamén se limparon en profundidade as xuntas abertas que estaban invadidas por plantas e raíces, así como as gretas e fisuras para eliminar todo o material de aporte tanto do vento como das aves e demais colonizadores.

Por outro lado, aínda que o estado do tellado non era malo, o faldrón norte tiña unha alta porcentaxe de tella rota, de xeito que se recolocaron as tellas e substituíronse boa parte delas. Así mesmo, renovouse a impermeabilización da cuberta da terraza do campanario. E estanse a reparar varias ventás que tiñan as partes inferiores en mal estado.

Renováronse os xugos das campás

As dúas campás da igrexa, situadas na torre do campanario, dispoñían, cada unha delas, dun xugo en moi mal estado, de maneira que se procedeu á súa renovación. Ademais, as campás teñen un sistema automático de toque e nunha delas a percusión prodúcese pola cara exterior, o que vai en contra do correcto uso da campá e pode deteriorala; polo que se cambiará o sistema de percusión automático.

A claraboia substituirase por outra que impida a entrada de auga

A torre ten unha terraza cunha claraboia de saída de madeira revestida cun perfil de aceiro. Esta carpintería está en moi mal estado e foi obxecto de diferentes arranxos para impedir que entrase a auga. Recentemente foi revestida con poliéster e fibra de vidro, pero con iso non se conseguiu evitar a entrada de auga; polo que se substituirá a claraboia actual por outra máis lixeira e que facilite a ventilación e a saída á terraza das campás.

tellado