A Academia Galega de Belas Artes homenaxeará a Castelao o 1 de abril, Día das Artes Galegas, pola súa achega á historia da arte e da cultura

O acto celebrarase no Museo de Pontevedra onde se inaugurará a exposición “Castelao Artista”

O ilustrador Miguelanxo Prado ofrecerá o día 2 unha conferencia sobre a súa faceta artística no teatro do Auditorio Municipal de Rianxo

A Coruña, 21 de marzo de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) homenaxeará a figura de Castelao no “Día das Artes Galegas 2016” que se celebrará o vindeiro 1 de abril. A Academia celebrou o 27 de xuño de 2015 unha sesión ordinaria na súa sede da Coruña na que decidiu, po aclamación, dedicar o Día das Artes Galegas 2016 a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 – Buenos Aires, 1950), nunha proposta suscrita polos académicos numerarios da institución, a Federación Galiza Cultura, o Clube de Prensa de Ferrol e o Concello de Pontevedra.

O obxecto da iniciativa é afondar e difundir a figura de Castelao como teórico da arte, creador, diseñador, caricaturista, debuxante e pintor. Neste punto, a Academia fai unha chamada de atención a todos os creadores e especialmente a colectivos da ensinanza e da cultura para que “retomen e difundan a obra de Castelao coa conseguinte significación no seu contexto, así como a súa contribución á historia da arte e da cultura”.

A elección de Castelao como protagonista do “Día das Artes Galegas 2016” está avaliada polo esforzo teórico e as achegas creativas de Castelao para a dignificación de Galicia e as súas formas de expresión a través da súa obra, do Seminario de Estudos Galegos, do grupo Nós, ou mesmo no seu papel como exiliado.

A Academia programou varios actos para os días 1 e 2 de abril, en Pontevedra e Rianxo, localidade natal de Castelao. O Museo de Pontevedra acollerá o venres, día 1, o acto de presentación do “Día das Artes Galegas 2016”, ás 19:00 horas no salón de actos do sexto edificio do museo. De seguido inaugurarase a exposición “Castelao Artista”, que permanecerá aberta durante a primavera e o verán para mostrar a obra do polifacético artista rianxeiro que cumple neste ano un século da súa chegada a Pontevedra. O sábado, día 2, celebrarase en Rianxo un acto solemne e público no teatro do Auditorio Municipal, ás 12:30 horas, ademais dunha conferencia do ilustrador e debuxante Miguelanxo Padro sobre a traxectoria artística de Castelao.

Cartel-Dia-das-Artes-2016