Celebrarase ás 20:00 horas no salón de actos da institución
PREVISIÓN INFORMATIVA
ASUNTO Conferencia “Cinco intervencións sobre o patrimonio cultural de Galicia: Desde Campo Lameiro ata as murallas da Coruña”
ORGANIZA Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA)
RELATORES Alberto Redondo e Marcial Rodríguez arquitectos
LUGAR Real Academia Galega de Belas Artes praza Pintor Álvarez Sotomayor, 1 –A Coruña–
DATA Mañá martes, 15 de marzo
HORA 20:00 horas
A Coruña, 14 de marzo de 2016
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá martes, día 15, unha nova sesión do ciclo Martes das Artes coa conferencia “Cinco intervencións sobre o patrimonio cultural de Galicia: Desde Campo Lameiro ata as murallas da Coruña”, impartida polos arquitectos Alberto Redondo Porto e Marcial Rodríguez Rodríguez. Será ás 20:00 horas no salón de actos da Academia.
A charla versará sobre a exposición de cinco traballos realizados polo estudio de arquitectura RVR Arquitectos nos últimos anos sobre o patrimonio cultural de Galicia, de distinta escala e natureza. Falarán sobre o parque arqueolóxico e centro de interpretación e documentación da arte rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) e a súa arquitectura para a posta en valor do patrimonio cultural. Comentarán tamén a adecuación da contorna do Faro de Fisterra (premio COAG 2009 en espazos exteriores) e a intervención sobre o espazo público en relación coa paisaxe. Ademais, farán unha exposición sobre a posta en valor do borde litoral entre Porto do Son e o Castro de Baroña e a recuperación dun itinerario peonil como recurso turístico, cultural e de lecer do borde litoral situado entre ambas vilas. Xa na Coruña, analizarán a mellora da accesibilidade peonil na cidade vella e cara a muralla histórica desde o paseo do Parrote e a súa intervención sobre o patrimonio no espazo público nun contexto urbano. Finalmente, os arquitectos explicarán a definición do trazado e delimitación do Camiño Primitivo e do Norte de peregrinación a Santiago de Compostela cun estudo sobre a relación do patrimonio co territorio e a paisaxe.
RVR Arquitectos é un estudio dedicado á práctica da arquitectura, creado en 2002 en Santiago polos arquitectos Alberto Redondo Porto (Vilagarcía de Arousa, 1964), José Valladares Durán (A Estrada, 1966) e Marcial Rodríguez Rodríguez (Valladolid, 1965).