A cita será no Paraninfo da Universidade, ás 20:30 horas, e as entradas son gratuítas ata completar aforo
Neste primeiro concerto participará o actor Xosé Barato como narrador de “Historia dun soldado” de Stravinski
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2016
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, pon en marcha unha nova edición de “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.
O primeiro destes concertos de cámara celebrarase este venres, 11 de marzo, no Paraninfo da Universidade de Santiago, ás 20:30 horas. Estará dirixido polo mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da Real Filharmonía de Galicia e da EAEM. A actuación terá unha duración duns 40 minutos.
Os músicos interpretarán Historia dun soldado do compositor ruso Ígor Stravinski (1882-1971), para o que se contará coa colaboración como narrador do actor Xosé Barato. A agrupación de cámara estará integrada por unha violinista, unha contrabaixista, un clarinete, un fagot, un trompeta, unha trombón e un percusionista; sete alumnos da escola que teñen así a oportunidade de tocar en público.
Actuacións ata o mes de xuño
Con esta iniciativa a escola implícase na programación cultural de Santiago, a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas. A vindeira semana, o luns e o martes, haberá dúas novas actuacións no Paraninfo da Universidade de Santiago. E en abril celebrarase un concerto dos alumnos do Curso de Especialización Instrumental na propia escola.
Ademais, entre os meses de maio e xuño, como colofón dos seus estudos, cada un dos alumnos do curso de posgrao da escola (Curso Avanzado de Especialización Orquestral) deberá realizar un concerto público que implique unha participación solista relevante. Así mesmo, os estudantes máis destacados deste curso terán a oportunidade de interpretar como solistas un programa acompañados pola Real Filharmonía de Galicia en xuño.