Comunicado de prensa da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia

COMUNICADO DE PRENSA

Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia. 7 de marzo de 2016

Ante a sentenza emitida o pasado 21 de xaneiro pola Sección 2ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Galicia sobre as obras de rehabilitación do complexo da antiga fábrica de curtidos de Ponte Sarela, promovidas por Construcións Otero Pombo S.A. e proxectadas polo noso compañeiro Víctor López Cotelo, os arquitectos de Santiago de Compostela, reunidos na Delegación do Colexio de Arquitectos na cidade, sentímonos na obrigación de compartir o desalento que nos produce comprobar como unha obra que contou con todos os parabéns do Concello de Santiago, da Consellería de Medio Ambiente, das Direccións Xerais de Patrimonio e de Urbanismo e de Augas de Galicia, e cuxa oportunidade e calidade arquitectónica levantaron unánimes eloxios dentro e fóra de Galicia, leva dezaseis anos baixo a ameaza da demolición.

Por este motivo, queremos facer chegar ao promotor e ao arquitecto autor do proxecto a nosa solidariedade e o noso recoñecemento pola destacada achega que Ponte Sarela supón para potenciar a imaxe de bo facer que Santiago de Compostela ten en todo o mundo.

Da mesma maneira, cremos que é oportuno destacar a enorme importancia que ten para a cidade unha obra de arquitectura que atraería a atención dos nosos visitantes sobre os valores do medio rural de Santiago, mostrándonos desta forma un camiño sensato e respectuoso para a revalorización da nosa contorna, que contribuiría a aliviar a presión turística sobre a cidade histórica e que melloraría aínda máis a calidade e a diversidade das experiencias turísticas en Santiago de Compostela.

Por outra banda, lamentamos unha vez máis a inseguridade xurídica á que está exposta a xestión do solo en Galicia, debido a unha política urbanística inestable, a unha lexislación imprecisa e a uns procedementos administrativos e xudiciais inaceptablemente lentos, dos que Ponte Sarela está a ser tamén vítima.

A pesar diso, seguimos confiando en que os veciños de Santiago de Compostela, encabezados polo seu Concello, acabarán por conseguir a recuperación definitiva dunha peza arquitectónica do valor de Ponte Sarela, facendo uso das posibilidades que neste sentido ofrece a nova Lei do Solo de Galicia, que entrará en vigor o próximo 19 de marzo.

logo_coag