Enrique Jiménez enxalza o “acento galego” dos violíns do século XX co legado artístico de Andrés Gaos Berea, Antonio Fernández Bordas e Manuel Quiroga Losada

“É o instrumento musical que mellor pode expresar a sensibilidade galaica e estes tres violinistas conformaron unha triloxía de valor máximo, con repercusións inesquecibles e inmortais”

 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- O musicólogo Enrique José Jiménez Gómez pronunciou hoxe o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como membro numerario da sección de música. O acto celebrouse na Capela do Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela (praza do Obradoiro, 1). Enrique Jiménez (Tui, 1946), que actualmente é secretario do Curso Universitario Internacional de Música Española “Música en Compostela”, leu un discurso titulado “A magna triloxía violinística galega do século XX”. Describiu o transcorrer da música culta galega no último século da man de tres grandes interprétes que demostraron a súa destreza para suxeitar o arco do violín: Andrés Gaos Berea, Antonio Fernández Bordas e Manuel Quiroga Losada. No seu discurso, Jiménez lembrou as singularidades da vida e obras destas figuras do violinismo galaico e hispano.

O musicólogo apuntou que este trío violinístico exemplifica a sensibilidade racial dos galegos e a facilidade para desenvolver todo tipo de traballos artísticos. “O violín é o instrumento musical que mellor pode expresar a nosa sensibilidade e parece lóxico e incontrovertible que estes tres violinistas conformaran unha triloxía de valor máximo, con repercusións inesquecibles e inmortais, non só na súa matria amada senón tamén en todo o mundo das artes e da cultura, que segue á espera das aportacións actuais e futuras de magníficos artistas músicos que están a espallar as mostras vivas da sesibilidade galaica, herdada e incrementada polos seus afáns. Desde a base da mellor memoria dos nosos violinistas esgrevios, pregamos que permaneza sempre aceso o lume da sensibilidade dos instrumentistas de arco da Galicia dos nosos amores e que siga a brillar” –explicou–.

Gaos, “inmenso” talento en interpretación, ensino e composición

Enrique Jiménez resaltou o pronto despertar das aptitudes musicais de Andrés Gaos Berea (A Coruña, 1874-Mar de Prata. Arxentina, 1959), un neno prodixio que nas festas da cidade de Vigo conseguiu aos dez anos de idade unha medalla pola súa “brillante” execución das “Escenas de baile” do gran violinista belga Charles de Bèriot.

Tras relatar o progreso formativo de Gaos en A Coruña, Madrid, París e Bruxelas, o novo académico destacou o seu legado artístico e o seu “inmenso” talento en interpretación, ensino de violín e composición, sen renunciar ás exitosas tournées europeas e americanas. Jiménez tampouco quixo perder a oportunidade de contar como Gaos recibiu os requerimentos do máis prestixioso compositor francés da época, Charles Camille Saint-Säens, para ser o intérprete no violín das súas composicións nunha xira mundial. Destacou tamén o papel de Gaos como director invitado de orquestras famosas como a Filharmónica de Berlín ou as orquestras de Roma, Milán, París ou Bruxelas.

Arte e espírito ourensán

En segundo lugar, Enrique Jiménez sinalou as loanzas do violinista ourensán Antonio Fernández Bordas (Ourense, 1870- Madrid, 1950). Cunha infancia marcada pola precocidade musical e un carácter con claros tintes de “temperamento, sinceridade e modestia”, Jiménez fixo referencia a como Antonio foi discípulo de Xesús de Monasterio e conseguiu manter as mellores técnicas e tradicións violinísticas interpretativas da escola ítalo-franco-belga-española.

O recén incorporado experto en música da Academia considerou tamén de interese destacar as cualidades de xestión de Bordas, que chegou a ser director do conservatorio de música de Madrid, e foi honrado coa elección de membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando cun discurso de ingreso titulado “Los instrumentos de arco. Tres momentos interesantes de su evolución”. Nestas liñas do mestre ourensán reflectíanse características persoais como a dignidade e a humildade e outras relacionadas co seu pensamento musical,  tales como a arte e o espírito.

O herdeiro de Sarasate

A terceira pata do trío é Manuel Quiroga Losada (Pontevedra, 1892-1961). Jiménez cualifica a Quiroga como un artista “pleno”, con dotes excepcionais e unha singular capacidade de estudo que o converteron nun dos mellores violinistas do mundo no seu tempo e herdeiro do gran Pablo Sarasate. “Quiroga percorreu Europa e América co seu Stradivarius cantando as súas lembranzas da infancia galega en compases de seis por oito” –comentou–.

Da man dos mellores mestres da escola franco-belga, Jiménez destacou o virtuosismo de Quiroga que, despois da primeira Guerra Mundial, voltou a Galicia para ser recibido con honores e tocar na Catedral de Santiago. Para continuar na senda de Sarasate, Jiménez indicou que o músico pontevedrés somerxeuse na composición ata conformar un catálogo propio con arredor de corenta obras, creadas cunha “notable” perfección técnica e coñecemento “absoluto” dos recursos do seu instrumento ao que facía falar con “acento galego”.

Nos compases finais do seu discurso, Enrique Jiménez retrocedeu á súa infancia para contar unha emotiva anécdota. Un sábado pola tarde, nunha xuntanza da “Peña Pontevedresa” no Hotel Compostela, un pequeno Jiménez foi a recoller ao seu avó. Ao saír do lugar, o avó saudou a un elegante cabaleiro e despois díxolle: “Non te esquezas nunca de este señor porque é o moi afamado e grandísimo Manolo Quiroga, máximo virtuoso do violín”.

Música e medicina, dúas caras dunha actitude humanística profunda

O acto pechouse co resposta do académico da sección de música, Ramón Castromil Ventureira. Salientou de Enrique Jiménez os seus coñecementos sólidos e a capacidade de traballo en equipo, ademais de ser “un amante do traballo eficaz que tantas veces se fai na sombra”. Castromil quixo reparar nun aspecto marxinal da música, a súa capacidade para aplacar a dor, e así establecer a relación entre a música e a medicina, que encarna á perfección o xinecólogo Enrique Jiménez.

Ramón Castromil indicou que existiron médicos filósofos, matemáticos, astrónomos, escritores, políticos, historiadores e, como non, músicos da talla do doutor Jiménez, onde se unen as dúas caras dunha actitude humanística profunda, a música e a medicina. Destacou tamén as tres valiosas cualidades que reúne o novo académico: discreción, eficiencia e un conxunto de saberes moi refinados, por exemplo a técnica de elaboración dos instrumentos de corda.