Logo de tres horas de percorrido, as dúas institucións salientaron a “imprescindible” colaboración entre elas
O director da Interparroquial, José Antonio Beiroa, destacou os 100.000 € de achega anual do Concello para atención primaria
Santiago de Compostela, 23 de febreiro (Vía Láctea Comunicación).- Cáritas Interparroquial de Santiago recibiu esta mañá a visita da concelleira de Políticas Sociais, Concepción Fernández, ás súas dependencias e instalacións destinadas a atender a persoas en risco de exclusión social. O director de Cáritas Interparroquial de Santiago, José Antonio Beiroa, acompañou á Fernández ao centro Abeiro, para familias monoparentais, que está nas Fontiñas; ao Centro de Traballo e Cultura, ubicado nunha casa a carón do colexio La Salle; ao centro de día Vieiro, na Costa Vella; e á sede da rúa Hospitaliño, onde está o servizo de Atención Primaria e o programa Cativos, que inclúe aulas e colonias.
Durante máis de tres horas, a concelleira Fernández puido coñecer da man dos profesionais, voluntarios e directivos de Cáritas o desenvolvemento polo miúdo dos diferentes programas e servizos, así como os respectivos emprazamentos. De feito, o piso das Fontiñas é unha cesión municipal cuxa renovación está prevista parao mes de xuño, e así se fará “se non hai ningunha incidencia”, tal como expresou a representante do Goberno municipal.
Abeiro é un centro atendido por tres educadoras sociais e tres voluntarios, onde na actualidade se prestan servizos de formación e sociosanitarios a 25 familias, que suman 60 usuarios. O Centro de Traballo e Cultura, asistido por dezasete voluntarios e un asalariado, xestionou 154 ofertas de emprego, co resultado de 129 insercións laborais en 2015. Por outra parte, abríronse 218 novos expedientes, atendendo xa a un universo de 1.501 persoas. Finalmente, o centro de día Vieiro, atendido por dúas profesionais e algún voluntario, acolle cada día un cento de persoas, onde toman café, len a prensa, ven a TV, poden ducharse, teñen un servizo de lavandería e son acompañadas e orientadas en facetas de moi diversa índole.
A concelleira Fernández, que falou cos usuarios na súa demorada visita aos diferentes centros, indicou que o Concello mantén unha “estreita cooperación” en moitos programas e salientou a “necesaria e valiosa colaboración con Cáritas, pola súa vocación social, mesmo imprescindible nestes tempos en que as familias sufriron moito nas súas necesidades básicas e dereitos vitais”.
Pola súa parte, o director Beiroa agradeceu a visita da concelleira e destacou que o Concello fai unha “xenerosa achega” de cen mil euros anuais para atención primaria, é dicir, o 41 por cento do presuposto anual de Cáritas para este fin, que ascende a 242.000 euros. “Esperamos manter –agregou Beiroa– e mesmo mellorar esta colaboración entre as dúas entidades en aras da maior eficacia posible. Para nós tamén é imprescindible”.