Unha mostra fotográfica narra a peregrinación 6MPasos de Andrés Fraga e Juan Rivas “Coru”

6MPasosAs imaxes retratan unha viaxe a pé por Europa durante sete meses, percorrendo 6.000 kilómetros por once países diferentes

A exposición poderase ver ata o 25 de xuño na Galería Sargadelos de Santiago


A Galería Sargadelos de Santiago de Compostela acolleu hoxe a inauguración da exposición “6MPasos. Nordkapp – Santiago de Compostela: unha aventura de 6.000 km a pé”, que recolle en imaxes o periplo vivido por Andrés Fraga e Juan Rivas “Coru” hai un ano, cando cruzaron Europa a pé desde Nordkapp (Noruega) ata a cidade compostelá. Ao evento acudiron, ademais dos dous protagonistas do proxecto, o alcalde en funcións de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo; o concelleiro en funcións de Xuventude, Xosé Baqueiro; e un grupo de alumnos do Colexio Alborada.
A exposición consta de catro partes. A máis importante é a formada por 29 fotografías de 100x70 centímetros nas que a paisaxe é a gran protagonista, ademais dun muro cuberto por pequenas instantáneas tomadas cos teléfonos móbiles que mostran imaxes de carácter máis cotiá. Ás fotografías súmase unha selección de distintos obxectos que foron clave na viaxe, como unha das mochilas que fixo todo o percorrido, un carriño ou a tenda na que durmiron en varias etapas da viaxe. Na mostra tamén hai unha proxección de distintos momentos da viaxe nos que se aprecian os cambios de terreos e paisaxes.

O proxecto 6MPasos levou a Andrés Fraga e Juan Rivas “Coru” a cruzar Europa a pé durante sete meses, nunha peregrinación de 6.000 kilómetros, once países diferentes, sete pares de botas cada un, e encontros con personaxes do máis variopinto. A viaxe foi retransmitida case en directo a través das redes sociais Facebook e Twitter e por medio dun blog (www.6mpasos.com; www.flickr.com/photos/6mpasos).

A exposición viaxará por varios dos países do percorrido. Este proxecto culminará nun documental en HD para mostrar a viaxe de forma máis detallada, que esperan esté listo a finais de ano. Permanecerá exposta na Galería Sargadelos ata o 25 de xuño nos seguintes horarios: de luns a venres, de 10:30 a 13:45 horas, e de 16:30 a 21:00 horas; e os sábados, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas.