Xuventude organiza a cuarta edición do concurso MúsicaXove nas categorías de pop, metal e outras músicas

Este ano entregaranse dous novos premios de 250 euros por votación doMsicaXove11 público

A gran final será o 15 de abril na Sala Capitol

Os interesados en participar poden presentar a súa solicitude ata o 11 de marzo no Rexistro Xeral do Concello (Centro Sociocultural e Xuvenil municipal O Ensanche)

O concelleiro de Xuventude e Festas de Santiago de Compostela, Xosé Baqueiro, presentou hoxe a convocatoria do 4º Certame MÚSICAXOVE´11, un concurso para grupos musicais da Rede Galega de Locais de Ensaio (da Dirección Xeral de Xuventude) que competirán para ser os mellores na súa categoría musical: pop-rock, metal e outras músicas como o jazz, folk ou hip hop. Poderán participar todos os grupos e solistas de entre 15 e 35 anos que desenvolvan a súa actividade en Galicia. Deberán inscribirse antes do 11 de marzo no Rexistro Xeral do concello de Santiago (Rúa Frei Rosendo Salvado, nº 14-16) en horario de 9-14.00 horas. “Con esta cuarta edición, o certame xa está totalmente consolidado e co principal obxectivo cuberto: impulsar a música entre os novos grupos e bandas de Santiago e do resto de Galicia” –indicou Baqueiro.

O concelleiro destacou que hai grupos gañadores de anteriores edicións que acadaron xa grandes éxitos. Sinestesia foi teloneiro de Miguel Bosé; Dirty Socks tocou no concerto de Nena Daconte nas festas da Ascensión ante 8.000 perosas, e recentemente gañaron o Levi’s Unfamous Music Awards Fall 2010, un concurso a nivel nacional da marca textil no que participaron 600 bandas; e tamén o grupo Frab Fly foi finalista nun concurso musical de Disney. “Con esta iniciativa contribuímos a que Santiago sexa na actualidade unha referencia musical non só en Galicia, tamén en España”.

Para facilitar o nacemento de grupos musicais, a xuventude de Santiago dispón dun local de ensaio en San Lázaro con dúas salas independentes onde contan co material básico para compoñer e tocar os seus temas. “Na actualidade hai 40 grupos ensaiando e formándose musicalmente nestas instalacións” –apuntou Baqueiro. Ademais, estas bandas reciben unha serie de master class nos locais, de dúas horas semanais durante dous meses. Os contidos do programa céntranse en aprender varios elementos clave, como a posta a punto dos instrumentos, interpretación corporal, arranxos musicais nas cancións ou imaxe nos escenario, entre outros.O encargado de esta formación musical é o músico Carlos Arévalo.

Os grupos tamén reciben respaldo en canto á promoción e difusión das súas actividades, con actuacións e concertos organizados pola Concellaría de Xuventude ou a través de colaboracións con outras institucións, salas de concertos e demais empresas. “Estes grupos dos locais de ensaio poderán tocar no novo Centro Xove de Creación Cultural. A Nave, con concertos semanais que se programarán tras a súa inauguración” –explicou Baqueiro.

Ademais, o departamento edita unha publicación cunha listaxe dos grupos que ensaian nos locais de ensaio, como un recurso importante para a promoción das bandas que alí teñen o seu punto de encontro e de ensaio, dirixida e distribuída entre a prensa especializada, departamentos de cultura e de festas dos concellos de Galicia, produtores musicais, salas de música e promotores de concertos.

Para participar no certame os participantes non poden ter editado ningún disco, agás os autoeditados, nin contrato con algunha discográfica. En canto ao xurado, estará composto por especialistas do mundo da música, que valorará a utilización da lingua galega, tanto nas letras coma na imaxe da banda. Este mesmo xurado, encargado de dar o veredicto o día do concerto final (programado para o 15 de abril, ás 21:30 horas na Sala Capitol), escoitará previamente as maquetas, para seleccionar como mínimo a dous participantes por modalidade. Os seleccionados tocarán obligatoriamente no concerto os dous temas presentados na maqueta e dous temas a maiores de elección libre.

Os  premios serán os seguintes:

Tres primeiros premios, un por modalidade, de 1.500 euros cada un.
Tres  segundos premios, un por modalidade, de 800 euros cada un.
E nesta edición como novidade, por votación do público asistente á final, concederanse dous premios de diferente estilo musical, de 250 euros cada un
.

Os gañadores terán a posibilidade de participar na edición dun disco recopilatorio de cada unha das actuacións, e de promocionar a súa música con diversas actuacións musicais: dúas para o gañador de cada modalidade e unha para o segundo clasificado en cada categoría. “Estes grupos dos locais de ensaio poderán tocar no novo Centro Xove de Creación Cultural. A Nave, con concertos semanais que se programarán tras a súa inauguración” –explicou Baqueiro.

En 2010 presentáronse 43 bandas inicialmente, e foron 6 os grupos elexidos para competir no certame, que se celebrou en dúas xornadas na Sala Capitol.