Unha gran nave na Almáciga permitirá a partir de xullo que a xuventude de Santiago poida desenvolver as súas inquietudes artísticas

naveXosé Baqueiro, concelleiro de Xuventude e Festas de Santiago: “A Nave é un edificio multifuncional pensado para crear producións artísticas que requiran un espazo de grandes dimensións e boas condicións técnicas”

O edificio albergará proxectos de música, arte, teatro e cine nunha superficie de 370 m2

Entre as producións previstas destaca un musical sobre a historia do pop español desde os anos 60 ata a actualidade


O alcalde do Concello de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; e o concelleiro de Xuventude e Festas, Xosé Baqueiro, presentaron esta mañá en Raxoi o proxecto para a construción do Centro Xove de Creación Cultural. A Nave. O edificio, que estará ubicado no contorno do C.E.I.P. Apóstol Santiago no monte da Almáciga, rematarase no mes de xullo. Ao acto tamén asistiu o arquitecto encargado do proxecto, Alfredo Varela. Bugallo explicou que se trata dunha actuación incluída na programa Urbana Santiago Norte, que contribuirá a “dinamizar a zona da Almáciga”.
Segundo Baqueiro, o proxecto será un espazo anexo ao aulario, xa construído e equipado para impartir obradoiros e actividades plásticas. “A Nave é un edificio multifuncional pensado para crear producións artísticas que requiran un espazo de grandes dimensións e boas condicións técnicas” –explicou Baqueiro.

Áreas temáticas

O edificio centrarase en catro grandes áreas de participación e creación: música, novos creadores, escena e cine e audiovisual. En primeiro lugar, a instalación albergará unha programación de concertos dos grupos dos locais de ensaio de San Lázaro e dos participantes do certame MúsicaXove, ademais de ofercer master class e realizar gravacións de maquetas e o deseño do book promocional das bandas. Dentro desta temática, o concelleiro de Xuventude anunciou que se vai promover a produción dun musical, a historia da música pop española desde os anos 60 ata os nosos días, pasando por todos os estilos de música e bailes como o rap ou hip hop.

“Realizaremos un casting de onde sairán os futuros cantantes e bailaríns da produción entre a xuventude da nosa cidade –indicou Baqueiro.

Tamén neste centro se mostrarán exposicións dos artistas que cursen os obradoiros de pintura, grafitti ou modelado do aulario. Traballarase en talleres de realización de curtametraxes e videoxogos coa técnica machinima e outros obradoiros de videocreación. Dentro desta disciplina, está previsto organizar o Festival Nave, con obras eclépticas respecto aos xéneros, técnicas e disciplinas artísticas. Serán obras que fuxen do tradicional, mesturando modos de expresión e combinando animación, arte urbano, internet, machinima, videoart, danza ou videoclip.

Na área da escena, na Nave formarase un grupo estable de teatro, composto por mozos e mozas de distintas idades que traballarán na montaxe teatral, escenografía, imaxe e son, vestiario, dirección, atrezzo e interpretación.

En relación ao cuarto bloque cinematográfico e audiovisual, os rapaces e rapazas que decidan probar esta disciplina traballarán con cámaras de vídeo dixital para facer curtas. “Comezaremos cun documental sobre os traballos realizados na Nave, e tamén está prevista a organización dun festival de curtas e videoclips, así como ciclos e documentais musicais” –apuntou Baqueiro.

Detalles do proxecto

O arquitecto Alfredo Varela explicou os detalles técnicos da construción da Nave, á que definiu como un “novo volume polivalente para diversas función creativas vinculadas á música e ás artes”. O edificio estará articulado co aulario a través dunha rampa de acceso e disporá no seu centro de iluminación natural grazas a un gran lucernacio. A Nave terá un volume principal e unha zona de camerinos, cunha superficie total de 370 m2. Entre o aulario e a Nave conforman unha intervención de 1.120 m2. O proxecto conta cun investimento final de 272.037 euros, dos cales 224.027 euros están destinados á obra de edificación, 14.160 euros para o proxecto e 33.850 euros para equipamento de son el luces.