A Concellaría de Xuventude pon en marcha o aulario do novo Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga con cursos formativos

almacigaO centro contou cun orzamento final de 90.942 euros para mobiliario e material de novas tecnoloxías

Impartiranse nove actividades entre os meses de febreiro e maio

O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou a nova web do departamento – www.xuventude.eu –, cun deseño e contidos renovados


O concelleiro de Xuventude e Festas de Santiago de Compostela, Xosé Baqueiro, presentou esta mañá a posta en funcionamento do aulario do novo Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga. Para a súa posta en marcha, a Concellaría contou cun orzamento final de 90.942, 94 euros (40.105 euros para o mobiliario e 50.837,94 euros para o material de novas tecnoloxías –informático e audiovisual–).
Segundo explicou Baqueiro, a Concellaría de Xuventude oferta 9 cursos gratuítos que se impartirán entre os meses de febreiro e maio para mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. “Con esta lista de actividades conseguimos dar continuidade á proposta cultural e educativa que ven desenvolvendo o departamento nos últimos anos, froito da colaboración con diversos profesionais e colectivos, ademais de novos artistas e creadores composteláns” –indicou Baqueiro. En concreto, no aulario do centro da Almáciga impartiranse seis dos cursos formativos de Xuventude, con actividades de temáticas diversas para cubrir os gustos culturais dos máis novos.

Baqueiro aproveitou para anunciar que este xoves, 3 de febreiro, presentarase en Raxoi o proxecto do espazo multifuncional, edificio anexo ao aulario, chamado A Nave, co alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o arquitecto encargado da obra, Alfredo Varela.

Cursos no Centro Xove de Creación Cultural


No aulario da Almáciga impartirase o curso de 6Mfotos, fotografía de viaxes, a cargo do fotógrafo Andrés Fraga, que xunto co seu compañeiro Juan Rivas ‘Coru’ realizaron unha peregrinación desde Noruega ata Compostela. Con esta acción formativa “búscase tranmitir aos afeccionados á fotografía trucos e técnicas básicas para sacar boas imaxes de viaxe” –apuntou Baqueiro.

Tamén na Almáciga se ofrecerá un taller de comisariados, onde os alumnos, dirixidos por María Calvo, crearán unha pequena exposición e unha revista expres sobre un tema concreto. Outro dos cursos versará sobre pintura a través das Meninas por Xoti de Luis, ademais doutra actividade de modelado, escultura e debuxo. A cultura urbana tamén terá o seu oco no centro cun curso de graffiti e outro de break dance.

Xa no Centro Sociocultural e Xuveni Municipal O Ensanche impartiranse dous cursos, un de máscaras enfocado ao seu deseño para o Entroido, e un segundo de expresión oral. E finalmente, debido á longa lista de espera, ofértase unha nova edición da aula de educación canina no parque do Paxonal.

Para participar nestas actividades formativas os rapaces e rapazas deben cubrir un folleto de inscrición previa e entregalo desde hoxe no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16. 981 543001; ou consultar a través da páxina web: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.).

Unha web renovada (www.xuventude.eu)

Ademais, Baqueiro presentou a nova web de Xuventude, que foi renovada e actualizada no seu deseño e contidos. A páxina recolle todos os espazos dedicados polo departamento á mocidade, as súas principais funcións e as actividades que se desenvolverán en cada un:

→   Centro Sociocultural e Xuveni Municipal O Ensanche
→   Locais Municipais de música para a xuventude de Compostela de San   Lázaro
→   Aulario do Centro Xove de Creación Cultural na Almáciga

Tamén se inclúe un apartado con todas as actividades e programas e un enlace para expoñer as principais características e a normativa do Consello Municipal da Mocidade. Dispón dun Blog de novas, onde xa se pode consultar e descargar o folleto coa nova programación, ademais dun apartado que inclúe un listado coas principais asociacións de Xuventude e links aos organismos básicos galegos, españois e europeos. A páxina está enlazada co sitio web do concello e viceversa.