O Museo Casa da Troia celebra unha xornada de portas abertas o vindeiro día 16 para conmemorar o 40 aniversario da Convención do Patrimonio Natural e Cultural da UNESCO

salon_troia_webA casa, que permanece pechada, poderá visitarse de xeito gratuíto en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas

A UNESCO aprobou a Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural o 16 de novembro de 1972. Con motivo do seu 40 aniversario, o vindeiro 16 de novembro, o Museo Casa da Troia celebrará unha xornada de portas abertas. O museo, que permanece pechado dende mediados de outubro, abrirá nesa data para sumarse aos actos que rememoran esta efeméride.

No marco desta celebración, o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, da que Santiago forma parte, prepara unha serie de actividades conmemorativas. Entre estas actuacións inclúese unha xornada de portas abertas nos museos e monumentos de cada unha das cidades. Así, o 16 de novembro poderá visitarse a Casa da Troia de xeito gratuíto e no seu horario habitual, pola mañá de 11:00 a 14:00 e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas.

Benigno Amor, presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, entidade responsable do museo, sinala que “Santiago, como cidade Patrimonio da Humanidade, ten dous motivos importantes de visita. Por un lado, a Catedral como primeiro reclamo -á que se está a sumar tamén a Cidade da Cultura- e, polo outro, todos os museos que aportan movemento cultural a Compostela, tanto os máis grandes como os máis pequenos como a Casa da Troia”.

Amor manifesta que a unión da oferta turística e cultural da cidade aínda é unha materia pendente. “Sería moi interesante para o sector turístico fusionar ámbalas dúas ofertas, é dicir, poñer a disposición dos visitantes un paquete único coas posibilidades hoteleiras e tamén as culturais, nas que se inclúen os museos”.

O Museo Casa da Troia, a vella pensión de estudantes de finais do século XIX que inmortalizou Pérez Lugín na súa novela, abre varios meses ao ano, en particular en Semana Santa e durante o verán. O período de maior afluencia de público é a época estival, cunha media de 30 visitas diarias e ao redor de 800 visitantes en agosto. O número de turistas estranxeiros medra cada ano e representa o 20% do total. Este verán o museo recibiu 1.341 visitantes, 279 estranxeiros.