O Museo Casa da Troia, a vella pensión de estudantes que inmortalizou Pérez Lugín na súa novela, abre de novo a vindeira semana e poderá visitarse durante todo o verán

rua_troiaUn milleiro de turistas procedentes de toda España e de diversas partes do mundo achéganse á casa na época estival

O Museo Casa da Troia abre de novo as súas portas ao público a vindeira semana. Será o martes, 31 de xullo, nun acto que reunirá a representantes do Concello de Santiago, da Universidade e da Xunta de Galicia; que terán a oportunidade de facer un percorrido pola casa. O museo poderá visitarse durante todo o verán, polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas. Estará pechado, como é habitual, os domingos pola tarde e os luns durante todo o día.

O museo está xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que se constituíu en 1979 co propósito de “crear e conservar un Museo Troiano no que se recrease o ambiente estudantil compostelá, fomentar as tradicións universitarias, ademais de colaborar na promoción e realización de actos culturais na cidade” -tal como sinala o seu presidente, Benigno Amor Barreiro-.

Ao longo do verán poderán realizarse visitas guiadas á vella pensión de estudantes do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela “La Casa de la Troya”. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Tamén está previsto manter as visitas dramatizadas varios días á semana, tal como se fixo o ano pasado. E, dende a Asociación, informan de que están a traballar para darlle novos contidos ao museo. En particular, estase a avanzar nunha exposición de pinturas de temática troiana para o mes de setembro.

Fixéronse obras de recuperación do tellado e das canalizacións e o mobiliario someteuse a un tratamento contra a couza

O museo estivo pechado todo o ano, debido en parte á realización de obras de recuperación do tellado e das canalizacións, que se levaron a cabo grazas ao apoio do Consorcio de Santiago. Así mesmo, aproveitouse para aplicar ao mobiliario da casa un tratamento contra a couza, que neste caso se pagou con fondos propios. Ademais destas obras, a diminución das achegas económicas impediu ter aberto durante máis tempo o museo, que dende a Asociación cualifican de “patrimonio de Compostela, da súa Univesidade, de Galicia e de todos os nostálxicos da tuna e da vida universitaria”.

Amor manifesta que “facemos un esforzo por aportar un museo máis á cidade, aínda que só sexa en temporada estival. Representa un esforzo enorme porque conleva custos onerosos para unha asociación deste tipo. Non obstante, estamos moi satisfeitos de ter aberto o museo, circunstancia que aproveitaremos para organizar algunha actividade social ao longo do verán”. O voceiro do museo salienta que “pensamos que nunha cidade como Santiago de Compostela as dimensións cultural e turística deben ir da man, posto que isto redunda nun maior beneficio e rendibilidade tanto económica como social”.

Os andaluces son os españois que máis visitan o museo, tralos galegos, e a maioría dos estranxeiros proceden de Francia, Portugal e Alemaña

O Museo Casa da Troia abre varios meses ao ano, en particular en Semana Santa e durante a época estival. O período de maior afluencia de público é o verán. En 2011, durante o mes que permaneceu aberta, entre o 14 de xullo e o 16 de agosto, recibiu 1.058 visitas, 853 de España e 205 de todo o mundo. Nesta ocasión, os andaluces superaron aos madrileños, que normalmente son os que máis visitan a casa tralos galegos. Galicia aportou o 29% das visitas, Andalucía o 16%, Madrid o 12%, e Valencia e Cataluña o 8%; aínda que chegaron turistas procedentes de case todas as autonomías.

Tamén é significativa a orixe estranxeira dos turistas que pasan pola Casa da Troia. Proceden de todas as partes do mundo, aínda que cun claro predominio europeo. Así, Francia aportou o ano pasado o 26% dos visitantes internacionais, Portugal o 13%, Alemaña o 12%, Italia o 10%, Reino Unido e Bélxica o 7% e Holanda o 5%. Destaca ademais a presenza de estadounidenses, seguidos por canadenses e mexicanos.

A Casa da Troia, de antiga pensión de estudantes a museo

O edificio que alberga o Museo Casa da Troia construíuse a mediados do século XVIII. Na planta baixa está a recepción, antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o vello salón-comedor, tamén habilitado como zona de estudo, e noutra época lugar de ensaio da Tuna Compostelana; e a sala de respecto, unha pequena estancia empregada durante as visitas dos familiares dos estudantes. No segundo andar están os dormitorios. No ático atópase a cociña, ademais dun pequeno dormitorio, que na novela pertencía a Dona Generosa, a patroa. O sótano, que antigamente se usaba como corte dos cabalos, está dedicado ás tunas universitarias, e poden admirarse diversos instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, fotografías e outras pertenzas da estudantina.