O Museo Casa da Troia abrirá este verán, dende o 15 de xuño ao 15 de setembro, tal como se decidiu esta mañá na reunión do seu Padroado

reunion_padroado_webO Consorcio de Santiago financiará as obras de mellora do tellado da casa, que se iniciarán despois de Semana Santa

O Padroado do Museo Casa da Troia, integrado pola Universidade de Santiago, o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Asociación de Antigos Tunos Composteláns, ademais da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago, reuniuse esta mañá no Colexio de Fonseca. Na xuntanza decidiuse que o museo abrirá durante os meses de verán, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

O museo está xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns. O seu presidente, Benigno Amor Barreiro, lembrou que “durante os cinco meses que permaneceu aberto o ano pasado recibiu máis de catro mil visitas”. E manifestou a súa “satisfacción por poder darlle continuidade a un museo que é patrimonio da Universidade, do Concello e de Galicia”.

Na xuntanza destacouse o interese dos distintos organismos que compoñen o Padroado por manter aberto o museo. Nesta liña, os patróns comprometéronse a aportar cantidades similares ás do ano pasado, co propósito de que os visitantes poidan afondar na vida universitaria da Compostela de finais do século XIX polo menos durante a época estival.

Á reunión asistiron Javier Garbayo, vicerreitor de Cultura da USC; Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo e Vivenda e de Educación do Concello de Santiago; Francisco Torregrosa, en representación da Consellería de Cultura e Turismo; Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Composteláns; Norberto Proupín, vicepresidente 1º da Asociación; Antonio Mariño, vicepresidente 2º da Asociación; Mariano Sierra Rodríguez, secretario da Asociación; Juan Fuentes, vogal da Asociación; e Mª del Socorro Ortega, presidenta da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC.

Esta mesma mañá o Consorcio de Santiago aprobou o financiamento das obras que se van realizar na casa para a mellora do tellado e dos canlóns. Tal como declarou Benigno Amor, “atópanse nun estado de deterioración tan avanzado que podería afectar á conservación do mobiliario, os cadros, as publicacións e, en xeral, ás coleccións e útiles que garda o museo”. As obras están previstas que comecen de xeito inmedianto, despois de Semana Santa.

O Museo Casa da Troia poderá ser visitado durante toda a Semana Santa ata o domingo 24 de abril inclusive, en horario de 11 a 14 e de 16 a 20 horas.