O Museo Casa da Troia reabriu hoxe cunha xornada de portas abertas

casa_troia2Poderá ser visitado durante toda a Semana Santa ata o día 24 de abril inclusive, de 11 a 14 e 16 a 20 horas

O seu padroado reunirase o 20 de abril en Fonseca para decidir se “abrir ou non” na temporada estival

O Museo Casa da Troia, que xestiona a Asociación de Antigos Tunos Composteláns,  reabriu hoxe cunha xornada de portas abertas. Poderá ser visitado durante toda a Semana Santa ata o domingo 24 de abril inclusive, en horario de 11 a 14 e de 16 a 20. Neste período só pechará o luns 18 de abril.

O presidente dos Antigos Tunos Composteláns, Benigno Amor Barreiro, indica que nestes días se cumpriu o segundo cabodano de seu pai, impulsor e mecenas do museo romántico, “polo que el se sentiría moi orgulloso da súa reapertura durante as vacacións de Semana Santa, malia as dificultades económicas que temos”, segundo explica. Amor tamén sinala que o padroado se reunirá en Fonseca o vindeiro 20 de abril, sesión na que se tomará a decisión de “abrilo ou non” na próxima temporada estival; e destaca que nos cinco meses que estivo aberto o pasado ano recibiu máis de catro mil visitas: “Foi un dato magnífico, xa que o museo tiña visitantes permanentemente”.

A Asociación está a facer xestións para que se poida proxectar en Santiago a primeira película que se fixo da novela, unha cinta muda e dirixida polo propio autor do relato homónimo –Alejandro Pérez Lugín– da que se conserva unha copia no Centro Galego das Artes da Imaxe de A Coruña.

O Museo Casa da Troia recrea unha antiga pensión estudantil e simboliza a Compostela universitaria de finais do século XIX. Abriuse ao público por primeira vez o 27 de febreiro de 1993, logo de trinta anos de xestións, dende a adquisición do inmoble –hoxe de titularidade municipal–, pasando pola súa restauración, amoblamento e decoración, ata a súa apertura coa dotación necesaria. Todo este inxente labor foi posible grazas á iniciativa e empuxe do mecenas Benigno Amor Rodríguez (Santiago de Compostela, 1937-2009), quen lle dedicou boa parte da súa vida.

O edificio ten 220 metros cadrados, distribuídos en soto, dedicado ás tunas universitarias; baixo, recepción; primeira planta, un salón-comedor e unha sala de respecto; segunda planta, cun dormitorio común e outro individual; e baixo cuberta, onde hai unha cociña con lareira e o cuarto da patroa da pensión.