O Museo Casa da Troia recibiu este verán unha media de cincuenta visitas diarias procedentes de 34 países de Europa, América, Asia e África

visitante_2010_web

A peregrina madrileña, Dolores Pérez García, foi a visitante número 2010

Dende a data de reapertura, o 15 de xullo, ata o 31 de agosto visitárona 1.916 persoas de todas as idades

Fascinación e nostalxia, principais emocións que provoca

A Asociación de Antigos Tunos Composteláns afirma que os datos reflicten un gran agarimo e interese polo museo

O Museo Casa da Troia recibiu 1.916 visitas entre o 15 de xullo –data da súa reapertura– e o 31 de agosto, procedentes de 34 países de Europa (18), América (11), Asia (4) e África (Congo), ademais de España; o que fai unha media diaria dunhas cincuenta persoas. Os visitantes nacionais suman 1.586, dos que un terzo son galegos, seguidos dos madrileños, andaluces e cataláns.

A fascinación polo vello caserón é o denominador común entre uns e outros, así como a satisfacción trala visita guiada. O libro de sinaturas recolle expresións de admiración, felicitacións e mesmo exhortacións a que permaneza aberto, xa que a continuidade máis alá de decembro non está asegurada. Unhas colombianas escribiron que a casa é preciosa, “parece que se detuvo en el tiempo, incluso en toda la ciudad”. Unha irlandesa escribe en inglés “moi interesante esta casa fascinante do pasado”. Un antigo tuno de Medicina de Granada estampou: “Con todo cariño, nostalgia y admiración por este templo, cuna de la estudiantina y de la tuna”. Outros comentarios valoran as explicacións e atencións das guías que mostran o museo, que se pode ver de 11 a 14 e de 16 a 20 horas, agás os domingos pola tarde e os luns.

A Asociación de Antigos Tunos Composteláns, entidade que xestiona o museo, congratúlase do “éxito da Casa, mostra evidente do interese que desperta en todo o mundo, tendo en conta que a inmensa maioría se identifica coa súa vida universitaria cando pasea polas dependencias da vella pensión de estudantes”.

O Museo Casa da Troia recrea unha antiga pensión estudantil e simboliza a Compostela universitaria de finais do s. XIX e principios do XX. Abriuse ao público por primeira vez o 27 de febreiro de 1993, logo de trinta anos de xestións, dende a adquisición do inmoble –hoxe de titularidade municipal-, pasando pola súa restauración, amoblamento e decoración, ata a súa apertura coa dotación necesaria. Todo este inxente labor foi posible grazas á iniciativa e empuxe do mecenas Benigno Amor Rodríguez (Santiago de Compostela 1937-2009), quen lle dedicou boa parte da súa vida.