Cancións populares galegas e habaneiras protagonizan mañá o certame de corais

Participan tres corais de Santiago, Alfaia, Irmán Gómez e Castrosúa,  e unha cuarta agrupación invitada, o Coro Traíña de Cariño

A compañía de títeres máis antiga de Galicia, Monicreques de Kukas, fará rir aos máis pequenos mañá no Toural

A xornada de hoxe nas Festas da Ascensión estivo protagonizada pola Festa para os nosos maiores, onde 2.000 persoas fieis á cita compartiron un xantar en Amio. Contaron coa animación de cabezudos e a música da orquestra Magos de España.

Pola tarde, darase a coñecer o nome dos gañadores do XXXV Campionato de Chave, no que compiten un total de 36 parellas. Os catro primeiros clasificados recibirán un trofeo de cristal e o campión e o subcampión do torneo levaranse un carneiro para a súa casa.

Teatro de monicreques

A concellaría de Festas presenta para mañá domingo un plan de actividades variado e para todos os públicos. Como xa é habitual, ás 12:00 horas, a Banda Municipal de Música ofrecerá o seu concerto de domingo na rúa do Vilar.

Os máis pequenos terán o seu espazo no domingo da Ascensión cunha función de teatro de rúa coa compañía Monicreques de Kukas, que representarán a obra Contos do vento acatarrado, ás 13:30 horas na praza do Toural.

Kukas Produccións Artísticas é unha empresa dedicada ao deseño e realización de escenografías, atrezzos, figurines, carteis e programas, máscaras, cabezudos e marionetas para teatro, cine ou televisión. Baixo a marca Os Monicreques de Kukas produce espectáculos de teatro con actores e marionetas. Na obra de títeres que presenta mañá no Toural, Contos do vento acatarrado, alúdese a temas como o pacifismo, a ecoloxía e o respecto polo contorno natural, a solidariedade, o valor da amizade e o respecto pola diferenza. A peza foi escrita por Marcelino de Santiago (Kukas). Os intérpretes son Kukas, que tamén confecciona as marionetas, e Isabel Rey, encargada ademais do vestiario.

En 1979, Kukas e Isabel Rey Pousada fundan en Santiago de Compostela Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de marionetas máis antigua de Galicia. O seu traballo céntrase na investigación e creación de novos prototipos de marionetas que lles permiten realizar espectáculos de gran formato dirixidos a todo tipo de públicos.

Colaboran habitualmente coa Real Filarmonía de Galicia, baixo a dirección de Antoní Ros Marbá, e co IGAEM da Xunta de Galicia. Nestes 30 anos de existencia produciron máis de 40 montaxes teatrais, entre espectáculos de teatro con marionetas, pasarrúas e teatro de actor.

Participan habitualmente en todos os circuítos teatrais de Galicia e en feiras e festivais internacionais como a Feria Europea de Teatro para Niños de Gijón, Festival Internacional de Marionetas de Bilbao, Festival Internacional de Títeres de Vigo, Festival Internacional de Títeres de Tolosa, Muestra de Teatro Ibérico del Nordeste de Brasil, Compostela 93, Feira do Teatro de Galicia, Festival do Eixo Atlántico de Viana do Castelo e Xornadas Pedagóxicas do Teatro de Guimaraens (Portugal) e no Festival de Kilkis (Grecia).

Xa pola tarde, un grupo de catro corais subirán ao escenario do Toural para deleitar ao público con tres cancións, ben tradicionais de coral, galegas, e habaneiras. Participarán a coral Alfaia, Irmán Gómez, Castrosúa, e como invitado o Coro Traíña de Cariño.

► CORAIS DE COMPOSTELA [19:00 horas - Toural]

Coral Polifónica Alfaia:

Creouse no 2000 e forma parte da asociación sociocultural que leva este mesmo nome, Alfaia. Está formada por 25 membros e o seu repertorio é variado, desde temas tradicionais galegos e de outras autonomías, ata clásicos ou modernos. O seu director é Rubén Pego. Interpretarán Las cuatro palomas, de Ignacio Piñeiro; Bello ángel mío, habaneira popular crevillentina; e Salió de Jamaica, de Miguel Ángel Viro.

Coral Irmán Gómez:

Esta coral comezou a súa andadura o 26 de outubro de 1994, por iniciativa da Asociación Hermano Gómez, para fomentar as actividades culturais e musicais entre os pais, profesores e antigos alumnos do colexio San Francisco Javier –Xesuítas de Santiago. Actualmente está dirixida por Diego Neira Sinde e conta con 28 voces mixtas. Paticipou en numerosos actos no concello, en intercambios con outras corais doutros municipios ou na Televisión de Galicia. Esta coral interpretará tres temas: El baile, de E. Cifré; Maite, de Sorozábal; e Balaio, de Héctor Villalobos.

Coral Castrosúa

A coral fundouse no 2003  no contorno da empresa compostelá, grazas a inquietude musical dun grupo de traballadores que contaron co patrocinio da compañía. Durante os dous primeiros anos é Nicolás Otero o director e formador do conxunto musical co que inician a súa andaina actuando en actos da empresa e na Asociación de veciños Monte do Gozo de San Lázaro.

Desde 2006, a coral ten como director a Miguel García. O grupo componse de voces e instrumentos como son o acordeón, gaitas, pandeiretas, bombo e tambor. Conta cun repertorio de máis de 30 cancións principalmente populares galegas, onde destacan muiñeiras, xotas, foliadas, mareos e habaneiras.

Actuaron en varios lugares da comarca, como o de O Pino, Sigueiro ou Trazo en en diversos centros culturais da cidade como A Rocha Vella, Fontiñas, Castiñeiriño ou San Lázaro. Na tarde de mañá interpretarán Juramento, unha habaneira popular; Monte Viso, de Carlos Rodríguez; e Sarela, de Paulo Nogueira.

Coro Traíña de Cariño

O Coro da Sociedade Cultural A Traíña de Cariño está dirixido Pedro V. Pina Requena, e despois de varios anos de traballo e esforzo conseguiron gravar dous discos. En Santiago interpretarán Paloma mensajera, de J.Ruiz Gasch; De colores, de J. Trayter; e La caña dulce, de M. Massotti Littel.