O mellor espectáculo de percusión de Europa aterriza mañá en Santiago, da man do grupo Sistem [Campus Vida, 22:00 horas]

SistemA feira cabalar de Amio supera as expectativas con máis de 20.000 asistentes e 441 cabezas de gando

Esta noite as familias ao completo gozarán co concerto de Chenoa, a partir das 22:00 horas no Campus Vida


As Festas da Ascensión comezaron onte por todo o alto cun concerto multitudinario no Campus Vida, con Di Elas e Novedades Carminha como protagonistas. E hoxe, no día grande das festas e festivo na cidade e arredores, celebrouse o Concurso Cabalar Ascensión 2011 no Mercado Nacional de Gando de Santiago, en Amio. Segundo o fundador e coordinador da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Xacobe Pérez Paz, a feira e o concurso contaron cunha alta participación, máis de 20.000 persoas que aproveitaron o bo tempo da mañá para achegarse ata o recinto feiral. Tamén recibiu o apoio institucional do alcalde en funcións de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o concelleiro de Sanidade, Consumo e Mercados, Andrés Fariña; e o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro.
Do mesmo xeito na entrega de premios e presenciando o espectáculo de doma, o máis aplaudido da xornada, estiveron o consellerio de Medio Rural, Samuel Juárez, en calidade de director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGACER); o xuíz oficial da Escuela de Jueces PRC, Roberto Miniño; e o presidente da Comisión de Actividades Rurais da Federación Hípica Galega, Joaquín González Troncoso.

Na sección de doma, os sementais executaron unha serie de fermosos exercicios combinados de doma de alta escola e fantasías ecuestres na pistra central de exhibicións. Aires de alta escola, como piaffe, passage, paso español, corbetas, elevadas, cabriolas ou parapetos foron realizados polos sementais Artes e Azabache, dous cabados de Pura Raza Galega da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

En canto ao número de cabezas de cabalos, a feira contou coa participación de 441 reses (entre cabalos, burras e mulas), ademais dalgunha mostra de gando asnal. Tras todas as exhibicións e concursos oficiais, onde participaron un total de 50 cabezas, chegou o momento de deliberación e entrega de premios. Estas actividades tiveron moita concurrencia de público e unha alta calidade das gandeirías participantes chegadas de Santiago, Boqueixón, Teo, Ferrol ou mesmo de Oza dos Ríos. Segundo Xacobe Pérez a feira e o concurso cabalar de Amio aguantou o tirón e resistiu mellor que as convocatorias da Pascua de Padrón e do San Marcos de Noia. Os premiados foron os seguintes:

Concursos Morfolóxicos:

-    Modalidade Cabalo de pura raza galega:
1º premio: Balboa, de Manuel Piñón (Sergude, Boqueixón)

-    Modalidade Egua de pura raza galega:
1º premio: Leixa,  de José Fandiño (Ferrol)

-    Modalidade Cabalos cruzados:
1º premio: Mozárabe, de Martiño Iglesias (Teo)

-    Modalidade Eguas cruzadas:
1º premio: Limonera, de Diego Cajaraville (Recesende, Teo)


Gran premio institucional do Concello de Santiago Dragóns de Santiago 2010:

-    Cabalo Balboa, con 69,5 puntos, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, de Manuel Piñón de Sergude (Boqueixón). Fíxoselle entrega dunha praca conmemorativa donada polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino. Trátase dun premio institucional subvencionado polo Concello de Santiago de Compostela, o Ministerio de Medio Ambiente e a Federación Española de Asociaciones de Ganado Selecto.

Xogos alternativos para os máis pequenos na Alameda

Para todos os nenos e nenas da cidade, a Concellaría de Festas organizou esta tarde unha sesión de xogos infantís no Paseo Central da Alameda. Garabato de Xogo é unha idea original e diferente, con máis de trinta xogos elaborados con materiais reciclados e recuperados para o goce de todos os cativos e os seus acompañantes. Son xogos que permiten relacionarse mellor socialmente, incentivando o espírito solidario cos demais ao non fomentar a competitividade. A orixinalidade, a sinxeleza dos xogos e a dinámica que xeran en todos os públicos fai que teñan un pouco de teatro de rúa, de animación e de exposición plástica.

E pola noite continúa a música no Campus Vida. A cantante Chenoa ofrecerá un concerto gratuíto a partir das 22:00 horas, en colaboración con Cadena Dial. Coñecida polo seu paso polo programa de televisión Operación Triunfo, a artista logrou facerse un oco no panorama musical nacional e latino. Presentará ao público de Santiago o seu último traballo, “Desafiando la Gravedad”, publicado en 2009 e que gravou en Miami. É o seu quinto álbum de estudio e componse de doce cancións, mestura de pop, rock e mesmo funk, blues e swing.

A americana Devil Doll actuará ás 24:00 horas na Praza do Toural. É a introdutora do “burlesque” no rock, propoñendo unha fusión entre a estética pin-up e os sons máis sensuais con base de swing en provocativa combinación coa dureza do punk. Ademais, a orquestra Tango amenizará coa súa música o Paseo Central da Alameda.

Espectáculo rumano de percusión

Na xornada de mañá, dará comezo na Alameda o tradicional Campionato de chave, que chega a súa trixésimo quinta edición. As 20:00 horas comezará a inscrición dos participantes que se pechará media hora máis tarde para dar comezo a primeira fase do concurso. O sábado continuará o campionato a partir das 16:30 horas. Pola noite, acturá a orquestra Marimba no Paseo Central da Alameda ás 22:00 horas.

Tamén na xornada do venres haberá unha actuación musical, neste caso a cargo duns expertos en percusión chegados desde Rumanía, o grupo Sistem. Esta actuación de balde, organizada en colaboración co Instituto Cultural Rumano, comezará ás 22:00 horas no Campus Vida.

Sistem é o mellor espectáculo musical rumano do momento que conta cunha prestixiosa traxectoria internacional, un amplo repertorio musical, con música feita  con  barrís metálicos e plásticos, combinado con efectos de auga, láser e pirotecnia.

E a partir das 23:00 horas na praza do Toural actuará Leilía. Esta agrupación galega, composta por cinco mulleres, levan difundindo desde finais dos 80 a música tradicional galela ao son de pandeiretas e voces. O seu derradeiro disco, “Son de Leilía”, é un percorrido pola historia do grupo no que se mesturan pezas tradicionais e outras que non o son tanto, froito dun repertorio menos coñecido e de colaboracións que foron xurdindo con artistas como Milladoiro, Budiño, Bleizi Ruz e outros, xunto a temas como a peza central da banda sonora da película Fisterra. Como recoñecemento a tantas outras mulleres galegas que loitan pola música tradicional, este traballo configúrase ao redor de tres instrumentos: guitarra, acordeón e contrabaixo.