As Festas da Ascensión comezan mañá mércores co concerto gratuíto da banda de Luis Tosar, Di Elas, no Campus Vida

Di_ElasO arranque das festas continúa no campus coa actuación do grupo compostelán Novedades Carminha, e no Toural coa música negra de Rico McClarin & Marcos Coll Band

As Festas da Ascensión comezan mañá mércores cun programa composto por máis de 50 actuacións musicais distribuídas ao longo de cinco xornadas (1-5 de xuño), ademais de charangas e pasarrúas, actividades tradicionais de folclore, deporte e as novas prácticas urbanas relacionadas co skate. “Son as festas máis compostelás, cun programa pensado para o goce das familias en conxunto. Haberá catro escenarios principais –Campus Vida, Alameda, rúas do casco histórico e a praza de Cervantes ” –explica o concelleiro de Festas en funcións de Santiago, Xosé Baqueiro.
A xornada de mañá comezará co tradicional disparo das bombas para anunciar o comezo das festas desde a igrexa de Santa Susana, ás 12:00 horas. A partir do mediodía varios grupos de gaiteiros realizarán os seus pasarrúas, acompañados pola comparsa de cabezudos e a charanga TNT. Pola noite, ás 23:00 horas actuará a orquestra Philadelphia no Paseo Central da Alameda.

Á mesma hora, o Campus Vida reunirá a toda a xuventude nos concertos gratuítos de Di Elas e Novedades Carminha. A banda Di Elas, máis coñecida porque conta entre os seus membros co talento do actor galego Luis Tosar, segue un estilo power-rock que acaba de plasmar no seu primeiro traballo homónimo que saíu á luz o pasado 29 de marzo. Como antecedentes, no 2008 todos os seus compoñentes uníronse en The Ellas, tocando en directo en salas como A Nasa, El Sol e BBK Live, un repertorio con versións de grupos liderados por mulleres, construíndo un son propio que os levou no ano 2010 a compoñer temas propios. Neste primeiro disco, Piti Sáez e Luis Tosar compoñen os once temas, cheos da enerxía e da frescura propios dun primeiro traballo discográfico.

Pola súa parte, os composteláns Novedades Carminha presentan tamén o seu último traballo na cidade, chamado Jódete y Baila. Os dez temas do disco teñen un son garaxeiro, de música de baile, ao estilo de bandas americanas da nova onda de garaxe, coma Black Lips, Jacuzzi Boys ou Harlem.

No Toural, tamén haberá ración de música da man da banda de Rico McClarin & Marcos Coll Band, un dos mellores shows de música negra que se poden ver actualmente en Europa.

O cantante, batería e actor de Miami, Rico McClarin, traballou con lendas como George Clinton ou Jaco Pastorious. Destaca pola súa versatilidade, que abarca desde blues rudos e desgarrados ata baladas de soul. Nesta ocasión, chega a Santiago dentro da súa xira mundial, acompañado polo harmonicista  Marcos Coll, de Reyes del KO, probablemente un dos máis importantes embaixadores da música compostelá e un dos mellores instrumentistas de harmónica de Europa. Este tour finalizará coa actuación da banda internacional no Festival  de Blues de Kingsasha na R.D Congo.