Unha tarde de bo tempo engrandece o desfile do Antroido, con rúas ateigadas de público en todos os puntos do percorrido

fotodesfileHaberá comparsas moi numerosas que interpretarán fantasías caribeñas, circenses e venecianas

Ás 21:00 horas aproximadamente entregaranse os premios no Paseo Central da Alameda


O Antroido de Compostela segue batendo todas as marcas, como se vai demostrar este tarde no desfile de carrozas e comparsas, con cifras de participación similares ás do ano pasado ou mesmo superiores. Miles de persoas seguirán o desfile nas beirarrúas por onde pasarán máis de 1.500 participantes nun total de 25 comparsas, 12 carrozas e 46 disfraces de grupo, parella e individuais.
Os participantes reuniranse sobre as 16:30 horas na Estación de Ferrocarril para organizar a comitiva do desfile que comezará as 17:30 horas, en dirección a Romero Donallo para subir polo Ensanche cara a Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e rematar na Avenida de Xoán Carlos I. A entrega de premios farase no paseo central da Alameda a partir das 21:00 horas, onde estará preparada a orquestra Ismael para poñer música a unha noite de festa.

O desfile contará con 12 carrozas de animación que loitarán polos premios e dúas composicións invitadas pola organización: “Os da Caña” de Marín –que encabezará o desfile cunha formación de 70 persoas con vistosos traxes e carrozas–, e o grupo “Samba Brasil”, cunha carroza de fantasía carioca con música e ritmos de samba e batuka. Ademais, no desfile participarán as tradicionais comparsas dos barrios da cidade: A Ruliña de Laraño, Os Conformistas de Conxo e Os Garanduxos. Estas tres comparsas recibiron o pasado ano unha distinción por parte da Concellaría de Festas pola súa colaboración continuada no Antroido compostelán durante 25 anos.

Pero a gran atracción chegará coas comparsas a concurso. Entre todas elas a máis numerosa é a formada por 250 alumnos, pais e nais e os profesores do Colexio Alborada, que interpretarán unha fantasía circense “Alborada Circus”. Outro dos participantes de nivel é unha agrupación de Louro (Muros), que presenta o espectáculo “A que faltaba!”, un total de 104 persoas que forman parte da comparsa e carroza. De Sanxenxo chegan “Os Marchosiños viaxan a Cuba”, con 80 membros. E finalmente, entre as comparsas máis numerosas destacan Os Conformistas de Conxo cunha “Fantasía Veneciana”, recreada por 40 persoas.

O xurado, disposto nos balcóns do Hotel Hesperia Compostela (Praza de Galicia), estará composto por Xosé Baqueiro, en función de presidente; como vogais: o secretario da Asociación de Veciños de Aríns, Juan Ramón Doce;  en representación do Partido Popular, a concelleira municipal María Seoane; como representante municipal do BNG, Rubén Cela; en representación da Asociación de Prensa, Aurea Sánchez; o director da aula de teatro da USC en representación da Universidade de Santiago, Roberto Salgueiro; como representante do Museo do Pobo Galego, Clodio González; a vicepresidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray; como representante da Escola de Artes Mestre Mateo, Santiago Riande; a representante das Asociacións Xuvenís, Alba Mariño; e finalmente como secretaria do xurado, a funcionaria municipal Montserrat Cillero. Ademais, haberá varios membros itinerantes por diversos puntos do desfile para comprobar o nivel de interpretación e animación dos participantes.

O destino da Meca

Mañá, mércores de Cinza, darase a despedida ao Antroido coa tradicional Queima da Meca na praza Roxa. Ás 20:00 horas, concentrarase a comitiva fúnebre que acompañará ao Meco desde o Toural ata a céntrica praza Roxa, facendo o seguinte percorrido: rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador, ata rematar na praza Roxa onde ás 21:00 horas recibirá a súa queima. Acorde co pesar do momento, os acompañantes deberán lucir loito rigoroso, para despedir como é debido á Meca. A Banda de Ponteceso e a agrupación Volta e Dálle conformarán o acompañamento musical e de rezos para unha xornada de dor e bágoas.