O prestixioso frautista italiano Davide Formisano formará neste instrumento a intérpretes galegos

O frautista Davide FormisanoA Escola de Altos Estudos Musicais ofrece 10 prazas destinadas a músicos novos

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana o recoñecido frautista italiano Davide Formisano formará neste instrumento tanto aos estudantes da escola como a alumnos externos interesados en perfeccionar a súa interpretación coa frauta.

As clases celebraranse o xoves 29 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. O venres día 30 as sesións terán lugar durante toda a mañá, de 9:00 a 14:00 horas. Os músicos externos ao centro que desexen participar poderán matricularse a través da páxina web da Escola de Altos Estudos Musicais -www.eaem.es-. Para eles ofrécense un total de dez prazas.

Colaborou con grandes directores como Zubin Mehta ou Daniel Barenboim

Davide Formisano naceu en Milán en 1974, onde se graduou coas máximas cualificacións. De adolescente gañou varios concursos en Italia e axiña comezou a alcanzar a fama nas grandes competicións internacionais. Sendo moi novo xa tocaba coas máis prestixiosas agrupacións musicais do seu país e do resto de Europa.

A súa participación durante anos como primeira frauta na Orquestra Filharmónica da Scala de Milán permitiulle colaborar con directores de renome internacional como Carlo Maria Giulini, Zubin Mehta, Chung Myung Wun ou Daniel Barenboim, entre outros moitos. En 2012 deixou o seu posto na orquestra para dedicarse plenamente á súa actividade musical como solista e á ensinanza neste eido.

Formisano combina con grande éxito o seu papel de profesor de orquestra, solista e músico de cámara, actuando en Europa, Asia, Norteamérica e Latinoamérica cos directores máis recoñecidos e coas formacións musicais máis afamadas. Como frautista, caracterízase polo ímpetu e a alegría interpretativa, exhibindo un son impecable e unha propiedade de estilo indiscutible.