O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia mostrará a utilidade e funcionamento do test de avaliación da personalidade máis empregado na práctica clínica

psicopatoloxia_webÉ un instrumento fundamental para os profesionais da saúde mental, complementario á entrevista clínica, de gran utilidade para detectar alteracións psicopatolóxicas da personalidade

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebra esta fin de semana un curso sobre avaliación da personalidade. Comeza mañá venres pola tarde e prolongaranse durante toda a xornada do sábado, na sede colexial, situada en Santiago.

O coordinador do curso é Ignacio Dopico González, membro da Sección de Psicoloxía Clínica do Colexio. Explica que se centrarán na personalidade patolóxica, a través dunha ferramenta de avaliación da personalidade denominada MMPI-2. “Trátase da revisión do instrumento de medición máis estendido na práctica clínica diaria entre profesionais da Psicoloxía en particular e profesionais da saúde mental en xeral” -sinala-.

É un dos instrumentos máis importantes e empregados que existen na actualidade para avaliar a presenza de alteracións psicopatolóxicas da personalidade no ámbito clínico, así como outro tipo de trastornos. É o caso de trastornos afectivos, de ansiedade, psicóticos, de identidade, somatomorfos (a dor e os síntomas físicos que sente unha persoa relaciónanse con factores de tipo psicolóxico), mesmo a demencia ou a dependencia de substancias, entre outros.

Este test permite a obtención dun perfil do individuo avaliado

A primeira versión desta ferramenta data dos anos corenta. Co paso do tempo e como froito da evolución das investigacións neste eido, foron introducíndose melloras, como novos elementos para avaliar áreas da personalidade que antes non se tiñan en conta, así como indicadores de validez máis completos. Ademais, os baremos actuais baséanse nunha ampla mostra representativa da poboación española, en concreto de pacientes que forman parte de mostras clínicas.

Este test aporta, segundo os expertos, unha gran riqueza de información sobre a estrutura da personalidade e os seus posibles trastornos. Permite a obtención dun perfil do individuo avaliado, posibilitando ademais outra serie de análises que poden resultar moi interesantes.

Dopico explica que esta ferramenta clínica explora aspectos que poidan indicar unha psicopatoloxía na personalidade do individuo. “Céntrase nos síntomas e nas alteracións psicopatolóxicas do paciente, sen ter tanto en conta a súa interacción social ou a súa xénese” -sinala-. E destaca que este tipo de instrumentos representan un apoio importante para a práctica clínica diaria. “Ningún test pode abarcar a complexidade dunha persoa nin facer un diagnóstico por si só, pero pode ser de moita axuda para aclarar as dúbidas que se lle presentan aos profesionais” -manifesta-.

Un cuestionario de máis de 500 preguntas

Este test baséase nun cuestionario moi amplo, composto por máis de 500 preguntas, cun formato de resposta de verdadeiro ou falso. Está deseñado para a súa aplicación en adultos e o tempo de administración estimado sitúase entre unha e dúas horas para a maioría dos casos, que se incrementa en pacientes con psicopatoloxía severa.

Durante o curso, dirixido a profesionais e estudantes de Psicoloxía, analizaranse con esta ferramenta unha serie de casos derivados da práctica clínica e afondarase nas súas utilidades. A responsable de impartilo é a psicóloga clínica experta no campo das personalidades normal e anormal María José Veiga Candán, da Unidade de Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI). Leva anos desenvolvendo a súa actividade no Hospital Psiquiátrico Rebullón, situado no concello pontevedrés de Mos.