O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia premia á Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica polo seu labor de dignificar ás persoas

rosa_alvarez_webO Colexio acompaña e dá apoio psicosocial aos cidadáns que están en proceso de localización e exhumación dos seus familiares represaliados e asasinados polo franquismo

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebra mañá sábado no museo Domus da Coruña o seu encontro anual. Con motivo deste evento, o Colexio aproveita dende hai xa tres anos para facer público o “Premio Dolores Llópiz, Psicoloxía e Sociedade”. A psicóloga Dolores Llópiz Pereiro estivo moi implicada na posta en marcha do Colexio e na defensa das actividades e labores propias da profesión.

“Con este galardón recoñécese a aquelas persoas ou entidades que dende diferentes eidos contribúen a difundir e a poñer en valor a nosa profesión” -manifesta a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada-. Nesta edición o premio recae na Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, coa que o Colexio colabora no acompañamento e apoio psicosocial ás persoas que están en proceso de localización e exhumación dos seus familiares represaliados e asasinados polo franquismo. Esta colaboración faise a través dos/as expertos/as do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do Colexio.

Rosa Álvarez declara que “o coidado e a recuperación da memoria é un acto de xustiza fundamental para dignificar ás persoas e aos pobos”. Por esta razón, o Colexio decidiu premiar este ano “o esforzo que coa súa actividade está a levar a cabo a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, reivindicando co recordo o compromiso dun futuro digno”. Ademais, destacan que é a única que fai exhumacións, fronte a outras que só se centran na localización dos restos. O premio recollerao Carmen García-Rodeja Arribí, membro da Asociación.

“A Asociación está comprometida na loita por unha sociedade máis xusta, na defensa dos dereitos humanos. E sempre tivo no seu equipo a profesionais da Psicoloxía, posto que valoran a importancia dos seus métodos terapéuticos como ferramentas fundamentais para pechar este tipo de procesos traumáticos, que, despois de tantos anos, son moi complexos de tratar” -resalta a decana-.

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica nace no ano 2000 co propósito de localizar ás vítimas da represión durante a Guerra Civil española. Dende a súa creación, ten levado a cabo numerosas escavacións de fosas comúns, logrando identificar a maioría dos restos.