O Colexio de Psicoloxía de Galicia reivindica a funcionarización dos psicólogos e psicólogas dos Servizos Sociais da Xunta de Galicia

servizos_sociais_webConsideran que a súa situación laboral é precaria, ao non teren posibilidades de promoción

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reivindica que os psicólogos e psicólogas que traballan nos Servizos Sociais da Xunta poidan ser funcionarios/as. Súmanse así á petición do resto dos/as técnicos/as que exercen neste ámbito da Administración autonómica, que non teñen posibilidades de promocionar debido á súa condición de persoal laboral. Non poden aspirar a postos como o de inspección ou acceder a xefaturas de servizos, dos que son especialistas, e que ocupan funcionarios/as da escala xeral.

Dende o Colexio de Psicoloxía manifestan que a situación laboral dos/as técnicos/as dos Servizos Sociais en Galicia é excepcional. Así, os psicólogos e psicólogas que exercen noutros departamentos da Administración autonómica, como o caso de Educación ou Sanidade, son funcionarios/as. E aseguran que esta circunstancia non se repite noutras comunidades autónomas ou está en vías de solución, sobre todo dende a entrada en vigor do Estatuto Básico do Empregado Público. Debido a esta situación, os/as psicólogos/as reclaman a creación dunha escala especial que lles permita a promoción laboral.

Funcionarios/as procedentes de campos como a agricultura ou a industria poden supervisar o traballo dos/as psicólogos/as nos Servizos Sociais

Ademais da atención directa aos/ás usuarios/as, os psicólogos e psicólogas exercen funcións de planificación, supervisión e control de programas e servizos. Non obstante, isto non se reflicte na posibilidade de ocupar postos na estrutura funcionarial da Administración autonómica.

Na actualidade os postos de mando cóbrenos funcionarios/as procedentes de calquera ámbito da Administración autonómica, cunha formación completamente allea á psicoloxía, mentres que os/as especialistas teñen vedada esa posibilidade. Así, dende o Colexio resaltan que “resulta paradóxico que calquera funcionario/a, con independencia da súa procedencia, como poden ser os departamentos de Agricultura ou Industria, poida acceder a un posto de inspector/a de servizos con só realizar un curso, mentres que os psicólogos/as non poden inspeccionar os servizos dos que son persoal especializado”.

“Trátase de profesionalizar a protección social en Galicia. Gañaríase así en especialización e na optimización do servizo de cara á sociedade” -aseguran-.