Expertos/as en catástrofes e emerxencias do Colexio de Psicoloxía de Galicia prepáranse para intervir con menores que sofren perdas de seres queridos

menores_webAchegaranse tamén á intervención psicolóxica con menores que se ven implicados/as en situacións de rescate e coñecerán como actuar con rapaces e rapazas doutras culturas e relixións

O Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia estase a formar no ámbito da actuación con menores. Con este fin organizan un curso sobre “Dó e intervención con menores en situacións críticas”. Coemza mañá venres pola tarde e prolongaranse ata o sábado durante todo o día, na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago (módulo A, aula 10).

A coordinadora do curso e membro da Comisión Coordinadora do GIPCE, Ana Mª Núñez Rubines, sinala que a actuación con menores require dunha formación específica. Nesta liña, explica que “cos menores debemos adaptar a nosa linguaxe á súa idade. Ademais, os rapaces e rapazas non se deixan levar con facilidade, cómpre darlles unha confianza e un trato diferente ao dos adultos”.

Con esta iniciativa os/as expertos/as en intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias do Colexio buscan mellorar as súas habilidades de intervención cos/coas menores, así como o seu coñecemento tanto teórico como práctico do proceso de dó nestas situacións. Trátase de proporcionar aos/ás psicólogos/as que traballan neste eido as ferramentas que faciliten o labor de prevención, avaliación e intervención no contexto das emerxencias nas que hai menores implicados/as e que sofren a perda dun ser querido.

“O caso máis frecuente é o falecemento dun familiar” -afirma a psicóloga Ana Mª Núñez-. Indica que cando a un rapaz ou rapaza lle falece un pariente próximo, a familia tende a ocultarlle información e pode ocorrer que no colexio os/as compañeiros/as saiban máis ca el. “A nosa intervención céntrase tanto no menor como nos familiares. No caso da familia, asesorámoslles sobre como darlles a noticia, como actuar con eles e en tódolos aspectos que lles preocupen nese momento ou que se poidan presentar máis adiante” -apunta-.

Tal como manifesta Núñez, o/a profesional pode intervir tanto a nivel individual como colectivo. “Por exemplo, cando falece un compañeiro ou compañeira da escola podemos actuar co equipo directivo e docente dándolles unha serie de pautas, cunha clase en concreto ou facer unha intervención máis global co centro educativo no seu conxunto” -explica-.

Durante estas xornadas, os membros do GIPCE abordarán tamén a avaliación e intervención psicolóxica con menores en situacións de emerxencias e catástrofes. Achegaranse tanto ás situacións máis comúns como ás catástrofes naturais e aos rescates. “O noso labor consiste en tratar de dar resposta a tódalas dúbidas que que lles poidan xurdir aos afectados, onde se deben trasladar os menores en cada caso e detectar os síntomas que indican que non se está a seguir o camiño axeitado para a resolución do problema” -apunta Ana Mª Núñez-.

Os/as psicólogos/as tamén xogan un papel fundamental nos rescates. “Debemos saber manexar a ansiedade do/a menor. E se o corpo de bombeiros ten que montar algún dispositivo para axudar á súa liberación, temos que tratar de tranquilizalo durante o tempo que tardan en preparalo todo” -afirma a psicóloga-.

A intervención con menores doutras culturas ou relixións é máis complexa porque o idioma e os costumes poden servir de barreira

Cando en situacións críticas se trata con menores doutras culturas ou relixións a miúdo cómpre recorrer a un/unha intérprete. Pero pode suceder que o/a tradutor/a non lle comunique ao/á rapaz/a exactamente o que o/a psicólogo/a lle quere transmitir, posto que, tal como explican os/as expertos/as, hai aspectos que son fundamentais e non son verbais, senón intencións e emocións. Nestes casos a intervención resulta moito máis complexa e mesmo pode requirirse formar previamente ao/á intérprete.

Tamén cómpre coñecer aspectos primordiais da cultura coa que se está a tratar para que a intervención sexa o máis respetuosa e efectiva posible. Así, por exemplo, na cultura musulmá non está ben visto que as mulleres asistan aos enterros, polo que os/as psicólogos/as deben coñecer esta información para non recomendar nunca a unha menor, ante o falecemento dun familiar, que vaia ao seu enterro.

O curso vaino impartir o profesor da Universidade de Granada e decano do Colexio Oficial de Psicólogos de Melilla Rodolfo Ramos Álvarez. É experto en intervención psicolóxica en situacións de crise, dó e desastres con nenos/as. Forma parte do equipo do proxecto da Unión Europea “Psychosocial support of crisis management”. E entre as súas publicacións máis relevantes destacan “Las estrellas fugaces no conceden deseos. Programa de prevención, evaluación e intervención por duelo en el contexto escolar”, “Psicología aplicada a crisis, desastres y catástrofes” e “Intervención psicológica en desastres con niños”.

O curso comeza mañá venres, en horario de 17:00 a 21:00 horas. O sábado celebrarase de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30 horas.