O Colexio de Biólogos de Galicia envía alegacións á Lei de Acompañamento dos Orzamentos que estes días se debate no Parlamento galego

eolicos_webConsideran que introduce modificacións normativas negativas para estes profesionais e para a protección ambiental de Galicia

Estes días debátese no Parlamento de Galicia o Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, coñecida como Lei de Acompañamento dos Orzamentos. Este Proxecto de Lei introduce modificacións normativas en ámbitos relacionados coa actividade profesional dos biólogos e de especial relevancia para a comunidade galega en materia ambiental. Por este motivo, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) acaba de enviarlle ós Grupos representados na Cámara galega unha serie de alegacións que agarda “que se teñan en conta na tramitación do Proxecto de Lei”.

Por un lado, modifícase a Lei de Medidas Urxentes en Materia de Ordenación do Territorio e do Litoral de Galicia. Establécese que os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal só teñen que ser sometidos a unha avaliación ambiental previa cando o decida o organismo ambiental pertinente. Os biólogos consideran que “esta decisión, de enorme calado, abrirá a porta para que novos proxectos, por exemplo de construción de piscifactorías ou parques eólicos, queden exentos de someterse a esta primeira fase de avaliación ambiental”. Sinalan que se trata dunha fase previa e necesaria, diferente ó estudo de avaliación ambiental que debe realizarse con posterioridade. Ademais, “contribuirase ó incumprimento na nosa comunidade dos requerimentos das Directivas de Hábitats e de Aves” -aseguran-.

Desaparece a avaliación de efectos ambientais, un instrumento de control empregado en Galicia dende hai 20 anos

Por outro lado, modifícase a Lei de Protección Ambiental de Galicia, na que se eliminan tódolos artigos relativos á avaliación de efectos ambientais. Isto supón, segundo os biólogos, “a desprovisión no marco normativo galego dunha ferramenta necesaria de avaliación ambiental que se viña empregando na determinación e corrección do impacto de numerosos proxectos que, non estando clasificados como os de maior grao de afectación, presupónselles unha capacidade real de xerar un dano negativo importante sobre o medio e para os que é preciso establecer unhas pautas claras de control que eliminen ou palíen o alcance dos seus efectos”.

Tal como destacan dende o COBGA, a avaliación de efectos ambientais é un instrumento habitual empregado en Galicia dende hai vinte anos. A súa finalidade é corrixir o impacto dunha ampla variedade de proxectos como a apertura de canteiras; ampliacións de parques eólicos; instalación de parques eólicos de pequena potencia ou de pequenas centrais hidroeléctricas; ampliacións de centrais eléctricas; construción de vertedoiros de inertes; localización de plantas industriais de disolventes, químicos e outras substancias; construción de depuradoras; ata a realización de determinadas repoboacións forestais.

Elimínase o control ambiental sobre proxectos como a explotación de canteiras ou a ampliación de minicentrais eléctricas e parques eólicos

Dende o COBGA apuntan que, cos cambios introducidos na normativa, permitirase evitar os obstáculos administrativos de avaliación recollidos para determinados proxectos. Os seus promotores poderán eludir de maneira directa o procedemento, por exemplo, en expedientes de canteiras de granito. E, ademais, as futuras ampliacións dos proxectos xa avaliados tamén poderán ter vía libre, quedando exentos do filtro que supoñía ata agora a avaliación de efectos ambientais.

“Este cambio resulta moi oportuno para determinadas actividades e para os seus promotores. Así, nos últimos meses houbo un repunte en solicitudes de permisos de investigación e explotación de canteiras de granito e incrementouse a previsión de ampliación de minicentrais e de parques eólicos” -manifestan dende o Colexio-.

O COBGA propón “un verdadeiro debate de revisión da Lei de Protección Ambiental de Galicia para equiparala ó desenvolvemento experimentado no ámbito europeo e estatal, impulsando ademais os mecanismos de participación cidadá en lugar de utilizar unha vía tan pouco recomendada pola súa falta de transparencia como é a Lei de Acompañamento dos Orzamentos”.

Impacto negativo na xeración de postos de traballo para os biólogos

En relación á defensa dos dereitos e intereses profesionais dos biólogos, dende o COBGA consideran que “a supresión da necesidade de realizar estudos de efectos ambientais traerá consigo un impacto negativo na xeración de postos de traballo vinculados á asesoría e consultoría ambiental”. Entre as funcións que desenvolven os biólogos neste campo destaca a planificación e xestión racional dos recursos naturais renovables, terrestres e acuáticos; a avaliación ecolóxica e a realización de traballos de planificación e xestión aplicados á conservación da natureza, á ordenación do territorio e ó desenvolvemento sustentable; a realización de estudos de impacto e efectos ambientais en tódalas súas fases, incluíndo o control ambiental nas etapas de construción e explotación; así como o asesoramento científico e técnico sobre temas biolóxicos e ambientais.