Os estudantes de segundo de bacharelato de toda Galicia xa poden facer as inscricións para participar na Olimpíada Galega de Bioloxía

ganadores2011_webCelebrarase en xaneiro de 2012 na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo

Por sétimo ano consecutivo celébrase a Olimpíada Galega de Bioloxía, que terá lugar o vindeiro mes de xaneiro (día 13) na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. Este certame diríxese aos estudantes de segundo curso de bacharelato e na súa organización colaboran o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA-, as tres universidades galegas e a Xunta de Galicia.

Os alumnos interesados en participar deberán solicitalo por escrito. Para iso terán que cubrir un boletín de inscrición, que poden atopar na páxina web www.olimpiadadebiologia.edu.es, e que terán que enviar por correo electrónico ao Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA, ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prazo ábrese mañá sábado, 15 de outubro, e remata o vindeiro 15 de novembro.

A organización do certame establece un número máximo de catro estudantes por centro educativo, ademais doutros catro suplentes por se algún dos seleccionados non se puidera presentar. Os alumnos elixiranse en base ás cualificacións obtidas en Bioloxía e Xeoloxía no primero curso de bacharelato. Co fin de que poidan participar o maior número de centros posible, escollerase o estudante mellor cualificado de cada centro e, os restantes, ata que se completen as prazas. Os seleccionados daranse a coñecer a partir do 5 de decembro.

Os gañadores representarán a Galicia na Olimpíada Nacional, que se celebrará en Murcia en abril de 2012

Os tres gañadores da fase galega representarán á comunidade autónoma na fase nacional, que nesta ocasión se celebrará en Murcia en abril do vindeiro ano. Ademais, cada unha das tres universidades galegas concederán unha axuda aos gañadores por matriculárense en calquera das súas facultades.

O coordinador da fase galega, o biólogo Pedro Nozal Cantarero, sinala que “esta competición ten como finalidade incentivar aos estudantes con talento a obter mellores resultados académicos, ademais de promocionar a carreira de Bioloxía e de espertar nos rapaces o interese pola investigación”.