Os biólogos manifestan que a xestión forestal debe contemplar o alto risco de incendios que hai en Galicia e planificar e investir en tarefas de prevención

incendio_forestal_webDestacan que no recente incendio de Bande perdéronse unhas 15.000 toneladas de materia vexetal, coas que se podería xerar enerxía eléctrica por valor de 3 millóns de euros

Mañá martes, 4 de maio, celébrase o Día Internacional dos Incendios Forestais. Con motivo desta efeméride e no marco do Ano Internacional dos Bosques, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- quere poñer de manifesto que a xestión forestal debe contemplar o alto risco de incendios que hai en Galicia e planificar e investir sobre todo en tarefas de prevención.

Entre os anos 2000 e 2009 producíronse en Galicia 81.228 incendios, que afectaron a 319.916,3 hectáreas, o que equivale ao 16% da superficie forestal da comunidade galega. Neste período os incendios forestais causaron 47 mortos e 548 feridos no conxunto de España. Ademais, dende o COBGA destacan que as estatísticas non recollen o elevado número de persoas afectadas por problemas respiratorios provocados polos gases emanados dos incendios, nin as cifras relativas ás persoas prexudicadas por problemas nerviosos ao veren danadas as súas pertenzas ou as súas vidas. E, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, tiveron que desaloxarse 528 núcleos urbanos e 304 edificios sufriron danos.

Por outro lado, os biólogos resaltan que os efectos dos incendios son moi negativos para os ecosistemas, tanto as áreas de monte que sofren os lumes como os sistemas acuáticos que máis tarde recibirán os materiais erosionados dos solos queimados.

O caso do recente incendio de Bande

No recente incendio que tivo lugar no concello ourensán de Bande estímase que se perderon polo menos unhas 15.000 toneladas de materia vexetal. “A súa combustión xerou grandes cantidades de gases de efecto invernadoiro, ademais da destrución das cadeas tróficas e dos ciclos de nutrientes, así como a merma de produción dos propios montes” -apuntan os expertos do COBGA-. Os biólogos sinalan que esta cantidade de materia vexetal equivale a unha enerxía duns 285x109 quilojulios. “Se se asume un rendemento dunha caldeira dun 30%, con esta cantidade de materia vexetal poderían xerarse uns 24 gigavatios hora de enerxía eléctrica, equivalentes a uns 3 millóns de euros” -aseguran-.

Os biólogos defenden a roza manual fronte á química e desaconsellan o uso de lumes controlados

O Colexio de Biólogos insiste en que as accións máis axeitadas para combater os incendios forestais son as relativas á prevención. Entre estas medidas destacan a regulación ecolóxica do combustible. Nesta liña, manifestan que “os ecosistemas de alto valor ecolóxico deben preservarse do lume, xa que poden presentar dificultades para a súa rexeneración”.

Por outro lado, dende o COBGA afirman que as técnicas de roza manual ou mecánica do monte deben aplicarse de maneira continua a tódolos espazos de risco. “É importante crear mosaicos de ecosistemas con diferente estrutura e romper a continuidade do combustible, para evitar a propagación do lume” -indican-. Ademais, apuntan que debe evitarse a roza química con herbicidas, que causa danos ecolóxicos tanto nos ecosistemas forestais como nos ríos.

“Nesta liña de xestión axeitada do combustible sempre é preferible calquera forma de roza que o uso de lumes controlados, posto que poden descontrolarse, como aconteceu no recente incendio de Bande” -declaran-. Por outro lado, sinalan que é moi recomendable empregar o pastoreo usando razas autóctonas como forma de control do combustible baixo.

Ademais, o Colexio de Biólogos considera que se debe potenciar “a diversificación da cuberta forestal, incrementando a abundancia de bosques de especies caducifolias autóctonas, que teñen baixa combustibilidade, creando así áreas arboradas de menor risco de propagación”.

Tendo en conta o elevado risco de incendios que existe en Galicia, os biólogos resaltan que a introdución de especies foráneas para produción debería ir acompañada dunha avaliación previa do seu impacto ambiental e do seu impacto logo dun posible incendio forestal, posto que “pode verse seriamente comprometida a biodiversidade de grandes áreas de Galicia”. Poñen como exemplo o Eucalyptus nitens, do que se van plantar 30 millóns de individuos.

A educación e sensibilización da poboación

Por outro lado, os biólogos destacan a importancia da prevención mediante a educación e sensibilización da poboación. “Os cidadáns deben coñecer o enorme impacto negativo dos incendios sobre os ecosistemas terrestres, as augas, a atmosfera ou a economía do país. Deste xeito, a sensibilización pública e tamén de tódolos profesionais relacionados co medio forestal debe contemplarse como unha ferramenta fundamental para un cambio de mentalidade fronte ao lume” -declaran-.