Biólogos expertos en diferentes áreas explicarán mañá na facultade de Bioloxía de Vigo os múltiples campos nos que poden traballar estes profesionais

bioloxia_webDende a biotecnoloxía ata a bioloxía do lecer

A aula magna da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo acolle mañá mércores, ás 17:00 horas, unha xornada informativa sobre “As actividades profesionais dos biólogos”. Expertos en diferentes áreas explicarán as múltiples e variadas actividades que poden desenvolver estes profesionais no ámbito laboral. A iniciativa está impulsada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA).

Na xornada intervirán Mª Cristina Arias Fernández, decana da Facultade de Bioloxía de Vigo; Mercedes Casal Jiménez, decana do COBGA; Miren Garbiñe Ayensa Aguirre, xefa da Unidade de Documentación e Apoio Científico do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR); Patricia Casal Rodríguez, consultora ambiental; José Antonio Fernández Bouzas, director do Parque Nacional das Illas Atlánticas; e José Manuel Martínez Yriarte, biólogo especialista da Área de Patoloxía Molecular do CHUVI.

O campo de actuación dos biólogos é tan variado que vai dende a biotecnoloxía, centrada na I+D e no control de procesos biolóxicos industriais, ata a denominada “bioloxía do lecer”, relativa á xestión de parques zoolóxicos, xardíns botánicos, museos de ciencias, acuarios e centros de interpretación da natureza.

Os biólogos tamén traballan no ámbito da asesoría e a xestión; que abrangue aspectos como a avaliación de impacto ambiental, o paisaxismo e a restauración do medio natural, a xestión de espazos naturais ou dos recursos mariños, a realización de estudos cinexéticos, a xestión e tratamento de residuos ou a prevención de riscos laborais, entre outros.

No relativo á análise e control da calidade, estes profesionais poden intervir na produción, transformación, control e conservación de alimentos, no control de epidemias e pragas, no desenvolvemento de fármacos, así como na análise da contaminación. No eido da sanidade humana, animal e vexetal poden realizar tanto análises clínicas como radiofísica hospitalaria, xenética e planificación familiar, reprodución asistida, nutrición e dietética, tratamentos fitosanitarios…

No ámbito da produción, os biólogos actúan en campos como a agricultura, a silvicultura e a gandería, a apicultura e a helicicultura, a acuicultura de auga doce e mariña, a viticultura ou a enoloxía. Tamén asesoran no referente ás novas tecnoloxías aplicadas á bioloxía. E poden dedicarse á docencia, así como á educación e interpretación ambiental e para a saúde.